O proxecto teatral, impulsado polo Centro de Información á Muller (CIM) de Mos, conta cunha traxectoria de 15 anos e busca incorporar novas participantes para seguir medrando.
O Concello de Mos, a través do Centro de Información á Muller (CIM), anima ás mulleres do municipio a coñecer e sumarse ao Grupo de Teatro en Igualdade, un proxecto que leva desenvolvéndose no concello desde o ano 2011 e que ao longo destes anos se consolidou como un espazo de encontro, expresión, creatividade e participación.
Co lema “Únete ao Grupo de Teatro en Igualdade”, a iniciativa busca agora dar a coñecer o proxecto entre as veciñas de Mos e incorporar novas mulleres ao grupo, abrindo as portas a todas aquelas que teñan interese por descubrir o mundo do teatro, compartir experiencias e participar nunha actividade colectiva.
Non é necesario contar con experiencia previa en interpretación. O proxecto está concibido como un espazo no que expresar, crear, compartir e desfrutar, utilizando o teatro como ferramenta para favorecer a confianza, a comunicación, a creatividade e as relacións entre as participantes.
As integrantes do grupo participan ao longo do ano en diferentes dinámicas e propostas teatrais, construíndo de maneira colectiva un proxecto no que a cultura se converte tamén nunha vía para promover a igualdade e crear redes entre as mulleres do municipio.
As sesións teñen lugar os martes e mércores, de 10:30 a 12:30 horas, e están abertas á incorporación de novas participantes.
Desde o Concello de Mos destacan a importancia de dar continuidade a un proxecto que, desde hai xa quince anos, ofrece ás mulleres do municipio un espazo propio para expresarse, desenvolver a súa creatividade e compartir con outras compañeiras.
“Queremos animar a todas as mulleres de Mos a achegarse e descubrir o que hai detrás deste grupo. Non é necesario saber interpretar nin ter experiencia: simplemente ter ganas de participar, aprender, compartir e desfrutar”, sinalan desde o CIM.
As mulleres interesadas en recibir máis información ou inscribirse poden contactar co Centro de Información á Muller de Mos no teléfono 986 33 72 78 ou no correo electrónico cimmos@concellomos.es.
Un proxecto con historia que segue abrindo o telón a novas mulleres.

