O Concello de Mos vén de completar en Bos Aires unha intensa semana de actividades institucionais e culturais con motivo do 108 aniversario da Asociación Galega de Residentes de Mos, cunha axenda centrada no contacto directo coa colectividade galega e no reforzo dunha relación que segue moi viva.
Ao longo destes días, a comitiva participou en actos no Colexio Santiago Apóstol e no Centro Galicia de Bos Aires, dous espazos fundamentais para entender como se mantén a identidade galega a miles de quilómetros de distancia.
Un dos momentos máis relevantes no plano institucional foi a recepción na Lexislatura Porteña, onde a delegación mosense encabezada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, foi recibida polo Subsecretario de Relacións Internacionais e Cooperación Institucional, Pablo Garzonio; pola Directora Xeral de Relacións Internacionais e Cooperación, Ornela Vanzillota; pola presidenta da Comisión de Cultura, a deputada Sandra Rey; polo xefe de gabinete da Subsecretaría de Relacións Internacionais e Cooperación Institucional, Sergio Barboza; e polo director xeral de Colectividades e Migrantes do Goberno da Cidade de Bos Aires, Santos Gastón Juan.
Outro dos grandes protagonistas desta viaxe foi o grupo Ruada de Torroso, que viaxou coa comitiva mosense, na que tamén estaban as concelleiras Julia Loureiro e Laura Méndez, e que estivo moi presente nos distintos actos e converteuse nun dos grandes fíos condutores da visita.
Nese sentido, a Gran Foliada Mosense foi un dos momentos máis especiais: un encontro aberto, cheo de música e ambiente, no que a colectividade galega participou activamente. Ademais de Ruada de Torroso e do grupo de gaitas Os Demos de Mos, participaron tamén membros de entidades da colectividade como Residentes de Outes, Val Miñor, Corcubión, Salvaterra, Betanzos, Arantei e o propio Centro Galicia.
A programación completouse coa cea de aniversario da asociación, na que se levou a cabo un intercambio de detalles institucionais entre as entidades participantes. Durante este acto, a alcaldesa realizou tamén un recoñecemento a cada un dos membros da actual xunta directiva, encabezada pola súa presidenta, Isabel Vilela, así como ao expresidente José Leirós, en agradecemento polo seu labor e compromiso coa colectividade.
A programación incluíu tamén unha xornada de convivencia cun día de campo na sede deportiva do Centro de Galicia, que permitiu un encontro máis próximo entre a comunidade mosense e a diáspora. “Levar Mos a Bos Aires vai máis alá dunha visita institucional. Resulta emocionante comprobar como Mos está tan presente en Arxentina”, sinalou a alcaldesa, Nidia Arévalo.

