O Concello de Mos impulsa talleres de diversidade nos centros de Educación Infantil

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Mos desenvolve un programa de talleres educativos centrados na diversidade dirixidos ao alumnado de Educación Infantil dos centros de primaria do municipio.

A iniciativa, incluída na programación do curso 2025-2026 e realizada dentro do horario lectivo, ten como obxectivo achegar ás crianzas valores como a inclusión, a empatía e o respecto ás diferenzas individuais mediante actividades adaptadas á súa idade, cun enfoque lúdico, activo e participativo.

O programa estrutúrase en tres propostas diferenciadas segundo o nivel educativo:

                •             O alumnado de 3 anos participa no taller “Dimo coas mans”, unha primeira aproximación á linguaxe de signos a través de xogos, mímica e narración.

                •             Para 4 anos desenvólvese “Catro esquiniñas de nada”, centrado na comprensión da diversidade como valor positivo mediante dinámicas colaborativas.

                •             En 5 anos, o taller “Superheroes” propón retos prácticos que fomentan a empatía e a superación de barreiras.

Os talleres son impartidos pola profesional Rocío Sánchez e teñen unha duración aproximada de entre 45 e 50 minutos por sesión.

O programa desenvólvese nos seguintes centros educativos do municipio: CEIP Atín, CEIP Mestre Valverde Mayo, CEIP Peña de Francia, CEIP Mestre Martínez Alonso e CEIP Petelos.

Desde o Concello destacan que este programa busca “crear espazos educativos seguros nos que todas as crianzas poidan expresarse con liberdade, respectando os ritmos e características individuais”, ao tempo que se promove unha educación inclusiva desde as primeiras etapas.

Comparte este artigo