O Concello de Mos celebrou onte unha reunión informativa aberta á veciñanza para explicar o proxecto da nova liña eléctrica de 220 kV que atravesará o municipio, así como as vías dispoñibles para presentar alegacións durante o período de información pública.
A xuntanza contou coa participación da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e permitiu ás persoas interesadas coñecer de primeira man os detalles do proxecto e as posibles consecuencias para as zonas afectadas. Os asistentes puxeron de manifesto a preocupación existente entre a veciñanza ante o trazado previsto e o seu impacto sobre as vivendas, as parroquias e o territorio.
Durante a reunión tamén se abordou o procedemento de presentación de alegacións. Para este labor, o Concello de Mos contratou unha empresa especializada que lle presta asesoramento técnico en materia ambiental para analizar a documentación e as afeccións do proxecto.
A alcaldesa destacou a importancia de que a poboación dispoña de información e ferramentas para defender os seus intereses. “Entendemos as necesidades enerxéticas da industria, pero tamén esiximos que se escoite o noso municipio e que se estuden alternativas que reduzan ao máximo as afeccións sobre as persoas e o territorio”, sinalou Nidia Arévalo.
O Goberno municipal insiste en que Mos non pretende obstaculizar a chegada das infraestruturas enerxéticas necesarias para o desenvolvemento industrial, senón reclamar que a súa planificación sexa compatible coa protección das vivendas, dos espazos naturais, dos montes comunais, dos equipamentos e das parroquias afectadas.
O vindeiro mércores, expertos da empresa especializada contratada polo Concello de Mos estará nas dependencias municipais en horario de mañá e tarde para resolver dúbidas e asesorar tamén á veciñanza na preparación das súas alegacións contra o proxecto da liña eléctrica de 220 kV.
Ademais, na páxina web do Concello de Mos está dispoñible toda a información sobre o proxecto, así como documentos modelo para que todas as persoas interesadas poidan tamén preparar e presentar as súas propias alegacións.
O obxectivo é facilitar que as persoas afectadas poidan coñecer as posibles afeccións e defender os seus intereses dentro do prazo establecido, que remata o 20 de outubro.

