O Celta explica o estado das obras do vial interior vinculado ao proxecto Galicia Sports 360
O Concello de Mos mantivo onte unha reunión cos veciños para informar das actuacións previstas no Camiño do Monte, un vial de titularidade municipal que será obxecto dunha mellora co obxectivo de reforzar a súa funcionalidade e conexión coa rede viaria da zona.
Durante o encontro, a alcaldesa Nidia Arévalo, que estivo acompañada polos concelleiros Evaristo Ucha, José Ramilo e Camilo Grandal, explicou que esta actuación permitirá adecuar o camiño ás necesidades actuais de mobilidade, mellorando as condicións de circulación, seguridade e accesibilidade para os propios veciños.
Neste sentido, indicou que o Concello de Mos prevé destinar a este tipo de actuacións os recursos derivados do convenio de colaboración co Real Club Celta, que inclúe unha compensación económica equivalente ao 10% do aproveitamento urbanístico do ámbito.
A rexedora subliñou que esta mellora forma parte dunha actuación coordinada co novo vial interior que está a executar o Celta no ámbito do proxecto, permitindo unha mellor conexión da zona e unha ordenación máis eficiente do tráfico.
Na reunión participaron representantes do Real Club Celta, entre eles Carlos Cao, responsable de relacións institucionais, e o arquitecto Javier Rivas, que abordaron os aspectos técnicos das actuacións. Máis concretamente, na reunión informaron aos veciños sobre o estado actual das obras do devandito vial interior, que permanece temporalmente cortado, explicando a evolución dos traballos en marcha.
O Concello de Mos comprométese a seguir informando de maneira directa aos veciños e a garantir que as actuacións se desenvolvan co máximo respecto ao entorno e ás necesidades da veciñanza.

