O programa desenvolverase do 1 de novembro ao 30 de xuño, con sesións de 45 minutos dúas veces por semana, dez prazas por grupo e unha cota mensual de 20 euros
O Concello de Mos oferta un programa de ximnasia terapéutica dirixido a persoas maiores de 55 anos, cunha proposta de exercicio adaptado que busca favorecer a mobilidade, manter a autonomía persoal e promover hábitos de vida activos. A actividade desenvolverase do 1 de novembro de 2026 ao 30 de xuño de 2027, con sesións de 45 minutos dous días á semana e unha cota de 20 euros mensuais.
As clases organizaranse en grupos de dez persoas e haberá quendas de mañá e tarde, co fin de facilitar a participación da veciñanza. A actividade impartirase en diferentes centros sociais e culturais do municipio, achegando esta oferta a distintas parroquias e facilitando que as persoas interesadas poidan participar nunha contorna próxima.
O programa contempla exercicios terapéuticos para a columna cervical e lumbar, cun traballo adaptado orientado a mellorar a mobilidade, o control corporal e a estabilidade, así como a favorecer hábitos de movemento saudables. A práctica regular de actividade física permite traballar a condición física e manter a funcionalidade nas actividades cotiás.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca a importancia de ofrecer alternativas de actividade física adaptada ás persoas maiores e de facilitar o seu acceso desde diferentes puntos do municipio. “Queremos que a veciñanza dispoña de oportunidades para manterse activa e coidar o seu benestar, con actividades próximas aos seus fogares e que favorezan tamén a convivencia e a participación social”, sinala.
A actividade estará dispoñible nas seguintes localizacións:
Clases de ximnasia terapéutica:
* Petelos: Antiga Casa Reitoral. Teléfono 678 372 321.
* Sanguiñeda: Centro Cultural Chan do Bosque. Teléfono 669 555 050.
* Pereiras: Centro Social Nosa Terra. Teléfono 638 988 710.
* Tameiga: Local Municipal San Eleuterio. Teléfono 678 372 321.
Exercicio terapéutico para columna, cervical e lumbar:
* Mos: Pazo de Mos. Teléfono 639 300 974.
* Torroso: Centro Cultural Abrente. Teléfono 986 486 914.
* Guizán: Centro Social e Deportivo. Teléfono 986 488 722.
* Cela: Local Cultural e Social de Herville. Teléfono 638 143 080.
* Tameiga: Local Veciñal Costoias. Teléfono: 618 888 281.
As persoas interesadas poden consultar os horarios e formalizar a inscrición a través da asociación correspondente a cada localización.
Con esta oferta, o Concello de Mos facilita o acceso da poboación maior de 55 anos a unha actividade física adaptada, distribuída en diferentes espazos do municipio e con horarios de mañá e tarde.

