O anteproxecto suprime a totalidade das liñas interiores que conectan Camos, Chandebrito e Parada. “É un sinsentido que se rescindise o contrato antes de tempo para melloralo e que agora se presente isto, non o podemos admitir”, resume o alcalde, Juan González
Desde o Concello inicidirase tamén na necesidade de que todos os vehículos sexan adaptados e que as frecuencias sexan suficientes para dar cabida a todos os usuarios nos momentos de maior demanda
“Que o Concello financie a liña intramunicipal Nigranbus con 80.00 € anuais non debe significar que a Xunta deixe de investir nas liñas interurbanas do interior”, advirte González
O Concello de Nigrán presentará alegacións ao anteproxecto de explotación de transporte de viaxeiros na comarca que foi publicado pola Xunta de Galicia o 11 de setembro ao comprobar que suprime por completo as liñas do interior do municipio. Así, o novo plan non contempla ningún percorrido por Camos, Parada e Chandebrito, deixando a esta veciñanza sen o histórico enlace directo con Vigo, unha situación insólita na localidade mesmo coa actual concesionaria Lugove e coa anterior, ATSA, que operou 50 anos.
“É un sinsentido que se rescindise o contrato antes de tempo para melloralo e que agora se presente isto, non o podemos admitir”, resume o alcalde, Juan González, en referencia a que precisamente a Xunta de Galicia e Lugove rescindiron o contrato nas liñas do Val Miñor e Baixo Miño antes do previsto (a duración era de 2020 a 2030) ante as graves deficiencias detectadas na súa posta en funcionamento. “A restructuración que presentan deixa ao rural máis tirado que nunca”, lamenta o rexedor, quen incide en que o feito de que o Concello financie a liña intramunicipal Nigranbus con 80.00 € anuais “non debe significar que a Xunta deixe de investir nas liñas interurbanas do interior do municipio, prexudicando por completo aos seus residentes”. “A futura concesionaria do transporte vai sacar moito beneficio da liña a Vigo pola estrada xeral e pola costa, así que parte deses cartos teñen que recaer na verdadeira conexión polas parroquias do interior, onde aínda que o non resulte rendable económicamente si é imprescindible socialmente”, insiste.
Desde o Concello de Nigrán inicidirase tamén nas alegacións na necesidade de que todos os vehículos sexan adaptados e que as frecuencias tanto pola costa (Estrada pola Vía) como pola estrada xeral (PO-552) sexan suficientes para dar cabida a todos os usuarios nos momentos de maior demanda, algo que non estivo sucedendo. “Desde o inicio do funcionamento de Lugove en decembro de 2020 en determinados momentos do verán era habitual que os pasaxeiros se quedasen en terra ou que viaxasen de pé, iso non pode ser”, insiste.
“Esta reordenación de liñas e o seu conseguinte novo contrato fíxose co obxectivo de mellorar o transporte existente, non de todo o contrario, non podemos permitir este recorte”, conclúe González.

