O gaiteiro internacional regresará o sábado 3 de agosto a súa cita ineludible co verán nigranés. O espectáculo servirá para presentar na comarca o seu novo traballo, froito da colaboración con Brittany Ferries. As entradas están xa á venda a través de Ataquilla
“Monteferro e Carlos Núñez forman unha fusión perfecta, estamos moi orgullosos poder contar cada ano co mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo; cada concerto aquí é unha experiencia inesquecible”, incide o alcalde, Juan González
“Tocar ‘Celtic Sea’ en Monteferro resulta moi inspirador para min porque estamos precisamente cara o Oceano Atlántico, nun dos lugares máis fermosos de Galicia, e no momento máxico do solpor”, sinala Carlos Núñez
O Concello de Nigrán volverá a ofrecer este verán ao mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo: Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro coincidindo co xa famoso solpor cara o Oceáno Atlántico e as Illas Cíes e Estelas. O espectáculo, que forma parte da programación estival do Concello de Nigrán e conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do ‘Plan + Provincia’, terá lugar o sábado 3 de agosto ás 20:30 horas e servirá para presentar na comarca o seu novo disco, ‘Celtic Sea’. Como cada ano desde 2020 coa súa xira ‘Lugares Máxicos’, o obxectivo do gaiteiro internacional é enfeitizar aos asistentes grazas a especial sinerxia da súa música coa natureza e o momento do crepúsculo. As entradas xa están á venda a través de Ataquilla cun prezo de 25 €.
‘Celtic Sea’ nace froito da colaboración con Brittany Ferries para celebrar o 50 aniversario da compañía marítima que une os portos atlánticos europeos e na que viaxan 3 millóns de persoas cada ano. O tema estrela que dá nome ao disco é unha ‘sinfonía’ de 40 minutos con músicas de todas as rexións atlánticas, unidas por elementos comúns ás músicas celtas desde hai séculos ou milenios, como o bagpipe rhythm (ritmo de gaita) ou a harmonía binaria de double tonic.
“‘Tocar Celtic Sea’ en Monteferro resulta moi inspirador para min porque estamos precisamente cara o Oceano Atlántico, nun dos lugares máis fermosos de Galicia, e no momento máxico do solpor. A localización é insuperable e, sen dúbida, o disco aquí soará nunha simbiose sublime coa contorna”, resume Carlos Núñez.
“Monteferro e Carlos Núñez forman unha fusión perfecta, estamos moi orgullosos poder contar cada ano co mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo; cada concerto aquí é unha experiencia inesquecible”, incide o alcalde, Juan González.
Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo sen impacto algún, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas xustificados de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa propia natureza.

