Unha quincena de usuarios colaborou hoxe coa Brigada Medioambiental na plantación de especies autóctonas e inoculación de shiitake
“Estamos dándolle unha función social desde a súa orixe, por iso organizamos xornadas de plantación con entidades, colexios e voluntariado, porque cremos que o monte é vida”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán colabora desde hoxe co proxecto ‘Verdear’ de Alborada ofrecendo formación aos seus usuarios a cargo da Brigada Medioambiental Municipal no parque forestal ‘Os Matos- Río Táboas’. Con este obxectivo, esta mañá unha quincena de usuarios aprendeu a inocular shiitake en tocón de eucalipto para producir esta seta ao tempo que se destrúe por completo esta árbore invasora e, ao mesmo tempo, plantaron especies autóctonas como carballos e castiñeiros. A experiencia irá repetíndose con sucesivos grupos porque o obxectivo de ‘Verdear’ é dotar os usuarios dunha formación suficiente no ámbito da agricultura ecolóxica, para que no futuro poidan conseguir desde un emprego a ben integrarse nalgún dos proxectos de hortos urbanos que, cada vez con maior frecuencia, se desenvolven en toda a comarca.
Así, ao longo de sucesivas semanas, os usuarios poderán adquirir novos coñecementos mediante prácticas neste espazo natural de 42 hectáreas de Camos en Chandebrito que resultaran calcinadas nos incendios de 2017.
“Este é o proxecto medioambiental máis ambicioso da comarca nas últimas décadas e desde o Concello de Nigrán estamos dándolle unha función social desde a súa orixe, por iso organizamos xornadas de plantación con entidades, colexios e voluntariado, porque cremos que o monte é vida e que educando e participando estamos garantindo o seu futuro e o noso como especie”, sintetiza o alcalde, Juan González.