O concello de Nigrán emprende as obras de saneamento e abastecemento na rúa Pateira

Redacción

Investíronse 178.270 € beneficiando a 17 familias que viven nesta rúa situada na parroquia de Nigrán

Os traballos, a cargo de Construcciones Castro Figueiro, implican a apertura de gabias e realizar a conexión das tubaxes coa rede xeral en Rúas dos Pazos

O Concello de Nigrán iniciou este verán as obras na rúa Pateira por importe de 178.270 € con cargo á liña 1 do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra para dotala de saneamento e completar os tramos que carecen de abastecemento público, tal e como demandaba a veciñanza desta zona entre a Igrexa de San Fiz e a PO-332. Os traballos implican a conexión pública de 17 familias e un negocio mediante a apertura de gabias en algo máis de 700 metros, ademais da ligazón das novas tubaxes co colector xeral situado na Rúas dos Pazos (PO-332).

“Era unha obra de bastante dificultade técnica e moi agardada polos residentes e, ademais de repercutir na súa calidade de vida, ten un efecto positivo sobre o medio ambiente, xa que carecían por completo de saneamento público e, en moitos casos, de abastecemento”, sinala o alcalde, Juan González, quen subliña que parte do trazado discorre por fincas privadas, polo que foi necesario tramitar cesións.

Ademais da instalación das tubaxes soterradas, estanse a renovar as acometidas de abastecemento das vivendas que teñen este servizo e reporase o pavimento dos viais afectados co mesmo material. No caso da estrada autonómica PO-332, as obras discorren pola beiravía e a atravesan cunha perforación horizontal dirixida, polo que foi preciso ter autorización previa da Axencia Galega de Infraestruturas. O obxectivo é rematar os traballos antes do 30 de setembro.

Máis obras de saneamento

Adicionalmente, o Concello de Nigrán está tamén a rematar as obras na rúa Carballeira (Camos) por importe de 157.600 € con cargo á liña 1 do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra para ampliala e dotala de saneamento, rede separativa de pluviais, e liña de baixa tensión soterrada, tal e como demandaba a veciñanza desta zona situada no núcleo de San Roque.

Comparte este artigo