O Auditorio Municipal acollerá do 26 de maio ao 2 de novembro a representación de 7 compañías de teatro afeccionado de toda Galicia
O Concello de Nigrán reactiva este domingo 26 de maio coa representación de Atrezo Teatro no Auditorio Municipal (19:00 horas) o seu quinto convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) que permitirá traer a Nigrán durante este ano 7 obras de compañías de teatro afeccionado de toda a comunidade cunha achega de 3.750 € por parte do consistorio. A compañía viguesa presentará tres microteatros, ‘Uff… unha experiencia relixiosa’, ‘o abrigo de pel de martas’ e ‘Aprendendo a desaprender’. As seguintes funcións, a cargo de diferentes compañías, desenvolveranse ata o 2 de novembro. Toda a información de datas e compañías está pendurada na web municipal www.nigran.org no apartado ‘Próximos Eventos’ e a entrada é sempre de balde ata completar o aforo.
“Estamos moi contentos con este convenio que estreamos no 2021 porque nos permite ofrecer unha programación estable de teatro de calidade e, ao mesmo tempo, apoiamos ás compañías que, precisamente, máis recursos económicos precisan para subsistir”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destaca a “boa acollida” que ten entre a veciñanza, enchendo en cada función o Auditorio Municipal.
A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

