O concello de Nigrán ofrece este sábado na Praza da Biblioteca a novena edición de “Cantares no Miñor”

Redacción

Participa o grupo de Mos Malvela e o miñorano Cantares do Brion

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 26 de setembro ás 19:00 horas na Praza da Biblioteca a novena edición de ‘Cantares do Miñor’ co grupo anfitrión miñorano ‘Cantares do Brion’ e o de Mos ‘Malvela’ (en caso de choiva trasladarase ao Auditorio Municipal). Durante o evento desvelarase o gañador do certame de poesía convocado por Cantares do Brion.

‘Cantares do Brion’ é un coro tradicional constituido en marzo de 2010 en Vincios e integrado por 65 persoas (fundamentalmente do Val Miñor) baixo a dirección de Pablo Rial Salgueiro e presidido por Xosé Manuel García Crego. Entre os seus propósitos principais está a interpretación, divulgación e restitución da música coral tradicional galega con acompañamento instrumental, así como o uso e divulgación do traxe tradiciona. No seu repertorio de pezas tradicionais e de autor destacan as pandeiradas, foliadas, maneos, muiñeiras e alalás.

Pola súa banda, ‘Malvela’ é un grupo de música tradicional galega nacido en Sanguiñeda, no municipio de Mos, a raíz dun curso de canto popular impartido pola cantante Uxía na súa aldea natal. Nesta formación reúnense mulleres de distintas idades co obxectivo principal de rescatar do esquecemento os cantos vellos, coplas e tradicións da comarca de Mos e O Porriño.

Comparte este artigo