Forma parta da programación de Fegateatro
O Concello de Nigrán continúa este sábado 17 de outubro ás 20:00 horas e excepcionalmente no Centro Cultural ‘O Torreiro de Priegue’ coa tempada de teatro amador. Nesta ocasión a compañía santiaguesa ‘Pesadelo’ representará a comedia ‘Xa é hora’. A entrada é de balde ata completar aforo. Unha actriz fracasada agarda tras o pano o inicio da función. Pero unha visita inesperada, absurda e misteriosa fará que todo o mundo da nosa protagonista dea un xiro brutal. Unha nova comedia de Teatro Pesadelo que escarva nas miserias humanas e nas precarias condicións das actrices e actores do noso país. Unha marabillosa viaxe polas penurias do ser humano. Que é o ben e que é o mal? E que non daríamos por salvarnos?
O ciclo continúa o domingo 25 ás 19:00 no Auditorio Municipal coa comedia ‘As nenas raras non van ao ceo’ da compañía de A Estrada ‘Disfunción Continua’. A repentina morte da súa amiga Carapuchiña Vermella fará que as nosas catro heroínas teñan que levar a cabo o plan máis absurdo e inconcibible posible para poder quedar na súa querida residencia para maiores…pero un plan levado a cabo por catro tolas pode ser máis imprevisible do que calquera de nós pode imaxinar.
O sábado 31 de outubro a protagonista do Fegateatro será a comedia ‘Que farían sen min?’, do grupo vigués Porta Aberta Teatro, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Todo pasa por ela, pasan os anos e nada cambia ata que un día aparece o amor da xuventude e os soños retoman a ilusión perdida. Seguirá todo igual na casa de Ana? Nova comedia de enredo preparada polo grupo de teatro onde queremos poñer en valor a necesidade de soñar, de vivir e de amar nunha atmosfera aparentemente tradicional na que todo o mundo necesita de Ana.
O sábado 7 de novembro ás 20:00 horas o grupo santiagués Carauta presenta a comedia ‘Unha casa de tolos’. Nesta casa conviven persoas felices de espírito libre que gozan do día a día ao seu xeito. Ata que o amor irrompeu dende un mundo totalmente oposto. Cando dous universos chocan, prodúcese o caos. En medio de situacións divertidas, esta comedia celebra a vida, a diversidade, o valor da colectividade e a coraxe de ser un mesmo. Porque, ao final, o que realmente importa… non se pode mercar.
O sábado 14 de novembro ás 20:00 horas representarase a comedia ‘O Randiña vai ao médico’ do grupo de Foz (Lugo) ‘Pico do Castro’. Randiña acode á consulta despois de levar unha chea de tempo agardando pola cita. Xa na sala, mentres espera a que o chamen, comeza a contar as súas peripecias e mais as dos veciños que tiveron que ir ao hospital, cada cal máis pintoresca ca anterior. Entre historia e historia, pasa o tempo… e ao final marcha sen chegar a ser atendido. Uns días despois volve, decidido a non quedar outra vez sen consulta. Desta volta é atendido polo doutor Anastasio, que lle explica os resultados das análises e lle indica as medidas que terá que tomar para poder seguir cunha vida máis saudable e mellor levada.
O Fegateatro finaliza o domingo 22 de novembro ás 19:00 horas coa comedia ‘Vermello’ do grupo de Sarria (Lugo) ‘Rebuldeira’. A cantidade de cor vermella que podemos ver nunha guerra marca o futuro das seguintes xeracións. O tempo, ás veces, é cíclico e todo o malo pode voltar. Temos medo. As vidas de Manuel Díaz, o médico dos pobres, Rafael de Vega, Franco, e xente coma nós, mestúranse coa historia ficcional de Rebuldeira Teatro na Guerra Civil. Somos actrices que representamos unha guerra vermella e queremos berrar a todo o mundo a nosa historia. Unha peza que abrangue a risa e a morte, o lamento e a ledicia, na que a nosa directora dirixirá o espectáculo dende as táboas. Que comece a función.

