O CONCELLO DE NIGRÁN PECHA O XOVES 27 O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA XV CARREIRA POLA PRAIA ‘NIGRÁN AREA’ DO DOMINGO 30 DE AGOSTO
A atleta guardesa Julia Vaquero amadriña o evento este ano. Os interesados deben anotarse en www.carreirasgalegas.com. Como novidade, establécense premios en metálicos para os tres clasificados da categoría absoluta feminina e masculina
Últimos días para poder participar nunha das probas deportivas máis destacadas do calendario nigranés e que este ano está amadriñada pola atleta guardesa Julia Vaquero. O Concello organiza o domingo 30 de agosto unha das súas citas deportivas máis emblemáticas do verán: a XV edición da ‘Nigrán Area’, carreira popular de atletismo pola praia de Panxón e Praia América. O prazo de inscrición está aberto en www.carreirasgalegas.com ata o 27 de agosto ás 23:59 horas (o cuse é de 12 € en categoría absoluta e gratis nas demais). A principa novidade é que este ano se establecen 1.200 € en premios en metálicos para os tres primeiros clasificados da categoría absoluta masculina e feminina, a razón de 300 €, 200 € e 100 € respectivamente. A proba foi presentada oficialmente esta mañá coa presenza da propia atleta, o alcalde de Nigrán, Juan González, os ediles de Deportes e Educación, Roberto Garrido e Estela Pérez respectivamente, e patrocinadores e integrantes do Club de Atletismo Nigrán.
“Trátase dunha carreira única pola contorna natural do litoral nigranés aproveitando a marea baixa, e que pretende fomentar o deporte, o respecto polo medio e a convivencia veciñal”, explica o rexedor do Concello de Nigrán, administración que asume a totalidade da organización e que conta coa axuda económica da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan + Provincia. Este evento convoca a persoas corredoras de todas as idades, reunindo a máis de 3.000 persoas entre atletas, acompañantes e público.
A cita deportiva arranca ás 11:00 horas na categoría absoluta (6’1 km) e está aberto a tódalas idades, tendo saída desde Panxón. A partir das 12:00 horas será a quenda das categorías inferiores: os sub 16 percorrerán 2 km, os sub 14 farán 1500 m, os sub 12 un km, os sub 10 percorrerán 500 metros, os sub 8 farán 300 metros e os máis pequenos farán 100 metros. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo.
Os dorsais serán entregados o sábado 29 de 10:00 a 13:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán e no mesmo día na propia praia de Panxón a partir das 09:00 horas da mañá e ata 30 min antes de comezar a proba.

