O Concello de Oia alerta á veciñanza ante posibles estafas a domicilio

Redacción

O Concello de Oia informa á poboación de que se están a producir visitas non autorizadas en distintos puntos do municipio, nas que determinadas persoas se presentan nas vivendas facéndose pasar por representantes de compañías telefónicas ou de servizos básicos, solicitando datos persoais ou información privada.

Neste contexto, lémbrase á veciñanza que ningunha administración pública nin empresa seria solicita datos persoais porta a porta, e que baixo ningún concepto deben facilitarse informacións como DNI, número de conta, contratos, facturas, teléfonos ou calquera outro dato identificativo.

Nos últimos días detectáronse actuacións que poderían constituír tentativas de estafa, polo que se pide á veciñanza máxima precaución e que, ante calquera visita sospeitosa, actúe do seguinte modo:

  • Non abrir a porta nin facilitar datos persoais.
  • Non entregar documentación nin facturas.
  • Solicitar identificación oficial e, en caso de dúbida, contactar directamente coa empresa supostamente representada.
  • Avisar de inmediato á Garda Civil (062) ou ao Concello de Oia (986362125) para comunicar o feito.

O Concello de Oia insiste na importancia de manter unha actitude preventiva e agradece a colaboración veciñal para evitar situacións de risco, especialmente entre persoas maiores ou dependentes.

Comparte este artigo