O concello de Redondela asina axudas con nove entidades sociais por 100.000 euros

Redacción

• A alcaldesa, Digna Rivas, ratificou as subvencións destinadas a Lenda, Andaina, Cáritas, Afaga, AECC, Pobo Saharaui, Da Man, Fundación Sta Cruz e Fundación Amigos de Galicia. En total suman axudas por case 100.000 euros. Rivas destaca o papel deste tecido asociativo “para garantir o benestar e protección das persoas máis vulnerables”.

• O Concello destina este ano máis de 300.000 euros a apoiar ao motor asociativo do municipio con convenios transversais que inclúen tamén ao deporte, á cultura e ao sector empresarial de Redondela.

O Concello de Redondela consolidou hoxe as axudas en materia de protección social coa sinatura dos convenios de colaboración con nove entidades e colectivos sociais. O investimento conxunto ascende a 99.780,00 euros, unhas axudas directas destinadas a sufragar os programas asistenciais, de apoio psicolóxico e de integración que se desenvolven no municipio.

A alcaldesa, Digna Rivas, presidiu o acto institucional de sinatura e puxo en valor o labor diario destas organizacións. “Hoxe ratificamos o noso compromiso con entidades que traballan por e para o benestar da sociedade, e que chegan a onde as administracións non podemos de xeito directo, protexendo ás familias en risco, aos menores e ás persoas que atravesan procesos de enfermidade ou vulnerabilidade”, sinalou a rexedora.

O acto congregou esta mañá a colectivos históricos e estratéxicos no eido da intervención social en Redondela. As asociacións Lenda Saúde Mental, Andaina e Cáritas reciben o maior impulso económico do bloque social, cunha dotación de 20.000 euros cada unha para o desenvolvemento dos seus respectivos programas de atención, apoio e inclusión. AFAGA (a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia) conta cunha partida de 18.000 euros para as súas terapias e apoio a familias e usuarios. A Asociación Española contra o Cancro e a Fundación de Amigos de Galicia dispoñen de 6.000 euros cada unha, destinados a campañas preventivas e de apoio a menores e familias en situación de risco. No caso da Fundación Santa Cruz de Teis recibe unha contía de 3.000 euros para a súa rede de acollida e apoio a persoas en situación de desprotección social. Da Man recibe 2.500 euros e a  Asoc. Solidariedade Galega co Pobo Saharaui 1.780 euros.

Esta xornada de firmas forma parte dun orzamento máis amplo coa que o Concello reafirma o seu apoio ao motor asociativo do municipio, mobilizando este ano de 316.280 euros en convenios nominativos. No bloque social está tamén o convenio con Érguete, e o plan transversal inclúe ademais achegas directas ao eido cultural e musical (ACS Chapela,  Asoc. Batalla de Rande e Millo Verde), ao deporte local (CR Chapela, SAR, e CCR de Cesantes) e ao sector comercial a través da Asociación de Empresarios de Redondela entre outros colectivos beneficiados.

Comparte este artigo