• O recinto da Feira do Gando acollerá este 10 de outubro as actuacións de Javi Maneiro, e os grupos redondeláns Malfinde, Elëven, Xalundes e Jay & The Smoking Machines. O Concello destaca “o protagonismo do talento local” nun evento que comezará ás 21:00 horas con entrada de balde.
O Concello de Redondela celebra este sábado o Rock Xuventude Festival, un evento musical moi agardado que tivo que ser suspendido a finais de agosto debido ás inclemencias meteorolóxicas. O festival arrancará ás 21:00 horas no recinto da Feira do Gando e a entrada será completamente de balde.
O festival ten un marcado carácter local, xa que todos os grupos participantes son formados por músicos de Redondela, servindo o evento como unha gran plataforma para o talento da vila. A única excepción é o cabeza de cartel, Maneiro, proxecto en solitario do vocalista de Heredeiros da Crus. Con todo, o artista que mantén dende hai anos unha relación especial con Redondela, vila á que se sente moi vinculad.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que este sábado a Feira do Gando vai vibrar co talento de catro formacións que demostran a enorme vitalidade da escena musical redondelá, arroupadas por un gran referente como Javi Maneiro, que xoga en Redondela coma se estivese na súa propia casa».
As bandas participantes
• Maneiro: O proxecto en solitario de Javi Maneiro, unha das voces máis icónicas do rock galego como líder de Heredeiros da Crus. Maneiro garda unha relación moi especial con Redondela, un escenario no que se sente plenamente acollido polo público local e onde ten compartido multitude de momentos significativos na súa traxectoria.
• Malfinde: Enérxico cuarteto de pop-punk redondelán coñecidos polas súas guitarras afiadas, letras directas e unha posta en escena chea de vitalidade.
• Elëven: Formación de metal alternativo e hard rock xurdida na propia vila de Redondela. Coñecidos polo seu son contundente e riffs pesados que está a demostrar a súa forza en citas do panorama alternativo galego.
• Xalundes: Grupo de rock que destaca polo seu gran talento xuvenil. A banda vén de acadar unha gran proxección tras proclamarse gañadores do Certame de Grupos Musicais da USC.
• Jay & The Smoking Machines: A banda completa o cartel co seu son característico e unha coidada mestura de influencias dentro do rock para quecer motores ante o seu público.

