O concello de Redondela denuncia o “abandono” da Xunta ante as grabes deficiencias dos colexios e institutos

Redacción

– A alcaldesa, Digna Rivas, esixe á Xunta que asuma as súas competencias ante a situación de “precariedade e inseguridade” dos centros. A maioría dos edificios escolares do municipio teñen máis de 40 ou 50 anos, polo que se atopan obsoletos.

– A situación máis preocupante é a do CEIP Laredo, en Chapela, con risco de desprendemento no tellado. O Concello instalou en 2025 un valado perimetral de seguridade, sen que a Xunta teña confirmado unha data para a renovación da cuberta.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, visitaron o CEIP Alexandre Bóveda para supervisar as instalacións ante o inicio do curso. Esta visita enmárcase no plan de mantemento estival que o Goberno local desenvolve nos colexios, unha xornada que o executivo aproveitou para poñer en valor o esforzo municipal e esixir á Xunta de Galicia que asuma as súas obrigas de reformas estruturais. Rivas cualificou de “abandono total” a postura da Xunta e criticou que non dea resposta á solicitude de xuntanza enviada en novembro de 2025 para abordar de urxencia estas deficiencias.

En xeral os edificios escolares do municipio teñen máis de 40 ou 50 anos, e están obsoletos. A situación máis preocupante é a do CEIP Laredo, onde o Concello instalou en xaneiro de 2025 un valado perimetral por risco de desprendemento no tellado. A alcaldesa denuncia que a Xunta segue sen poñer data á reforma integral da cuberta. Así mesmo, o CEP Santa Mariña presenta danos na fachada e escaleiras; o CEIP Outeiro das Penas ten fallos na calefacción; e a EEI A Marisma segue sen servizo de comedor, o que obriga ao alumnado a saír do centro para asistir ao comedor nun local cedido polo Concello. En materia de eficiencia enerxética, centros como o de Cedeira ou Alexandre Bóveda precisan cambiar as fiestras, do mesmo xeito que fallan os baños e as pistas exteriores de moitos colexios xa remataron a súa vida útil. Pola súa parte, as novas aulas do IES Pedro Floriani carecen de calefacción e internet, e o pavillón ten pingueiras. A alcaldesa lembra que Redondela é dos municipios da provincia con máis colexios públicos, e acusou á Xunta de “precarizalos e menosprezalos” ao non cumprir coas súas necesidades básicas de funcionamento.

Axendas escolares con protagonismo do bote “Manuel”. Os representantes municipais iniciaron o reparto gratuíto de 2.139 axendas escolares entre o alumnado de Primaria e Secundaria dos centros públicos. Na edición deste ano o protagonismo é para o bote “Manuel”, unha embarcación tradicional da enseada de San Simón e símbolo da memoria democrática. A finais dos anos 30 transportou en segredo a centos de xudeus que fuxían do réxime nazi e abasteceu a illa de San Simón cando era un cárcere franquista. Recuperado polo Concello e exposto no Museo Meirande, co seu deseño búscase achegar aos máis novos o patrimonio mariñeiro e reforzar a identidade histórica do municipio.

Comparte este artigo