O concello de Redondela inviste máis de 79.600 euros no pavimentado do Camiño da Capela no Viso, na renovación do Camiño do Arcipreste en Ventosela e adxudica as obras na estrada da aldea de Soutoxuste

Redacción
  • O proxecto  do Camiño da Capela actuará en dous tramos do barrio de Soutoxuste para renovar o firme asfáltico e repintar as marxes da vía. O Goberno local destacan que este investimento garante unhas comunicacións cómodas e máis seguras para a veciñanza do Viso, continuando co plan de equilibrio territorial nas distintas parroquias do municipio.
  •  A actuación do Camiño do Arcipreste renovará un tramo de 145 metros de lonxitude que presenta graves problemas de fendas e baches. O Concello de Redondela destaca que o proxecto resolve unha prioridade técnica e residencial na parroquia de San Martín de Ventosela.
  •  As obras  na Estrada da Aldea adxudicáronse por máis de 37.000 euros e incluirán un novo asfaltado e a canalización das augas pluviais. A obra mellorará a seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns. Esta pavimentación finánciase con fondos propios do Concello, dentro do plan de investimento aprobado por unanimidade nos Consellos Parroquiais.

O Concello de Redondela avanza a bo ritmo na contratación das obras incluídas no Plan de Investimentos nos Camiños Municipais. Trátase dun ambicioso proxecto para renovar máis de 80 camiños repartidos por todas as parroquias do municipio. Unha das últimas adxudicacións é o pavimentado do camiño da Capela, situado no barrio de Soutoxuste, na parroquia do Viso. A actuación conta cun orzamento de 26.000 euros.

O proxecto, redactado polos servizos técnicos municipais, supón intervir en dous treitos diferenciados que suman máis de 300 metros de lonxitude. O primeiro tramo discorre dende a edificación número 24 ata a parcela 858 do Polígono 1, mentres que o segundo vai dende o número 1 ata o cruce co camiño Sobreiral. Os dous tramos do camiño teñen de media un ancho de 4,50 metros, e toda a superficie contará cunha nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor.

Dende o Goberno local destacan que este investimento garante unhas comunicacións cómodas e máis seguras para a veciñanza do Viso, continuando co plan de equilibrio territorial nas distintas parroquias do municipio.

 No  Camiño do Arcipreste, situado en San Martín de Ventosela, renovarase un tramo cunha lonxitude total de 145 metros e unha anchura media de 4 metros. Na actualidade a superficie de rodadura de aglomerado atópase moi deteriorada, mostrando fendas estruturais e baches que dificultan o tránsito e comprometen a seguridade dos usuarios da vía.

O Concello de Redondela  sinala que o proxecto disporá dun prazo de execución estimado de dous meses, cun orzamento de 16.423,40 euros. As obras realizaranse con fondos propios do Concello, xa que están incluídas no Plan de Investimento nos Camiños Municipais que conta cun orzamento total de 2,7 millóns de euros.

 A administración local de Redondela adxudicou as obras de mellora do pavimento e da rede de augas pluviais na Estrada da Aldea de Soutoxuste, na parroquia do Viso. O proxecto, redactado polos servizos técnicos municipais, foi adxudicado por 37.268 euros e as obras comezarán en breve. A intervención afecta a un tramo de 250 metros de lonxitude co obxectivo de eliminar as fendas e fochancas que presenta o aglomerado actual debido ao desgaste. O novo asfaltado mellorará a seguridade viaria na zona tanto para os vehículos como para os peóns. Ademais da renovación do firme, os traballos resolverán os problemas de evacuación de augas pluviais que sofre historicamente esta vía. Para iso farase un entubado na cuneta.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia desta intervención suliñando que “esta obra atende a unha demanda histórica e moi necesaria para o barrio de Soutoxuste”. Rivas engadiu que o obxectivo prioritario do Goberno local é “cohesionar o territorio e garantir que o investimento municipal chegue a todos os núcleos de poboación”.

As obras realizaranse con fondos propios do Concello. A mellora desta estrada forma parte do plan de investimento das parroquias que conta cun orzamento total de 2,7 millóns de euros. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, lembra que foron os propios colectivos dos Consellos Parroquiais os que decidiron en que camiños se actuaría de xeito prioritario, e o plan foi aprobado por unanimidade.

O Concello coordinará os dispositivos de tráfico precisos durante as obras e solicita de antemán a colaboración e comprensión da veciñanza polas molestias temporais que se poidan causar. En total o Goberno Local redondelán inviste nestes camiños máis de 79.600euros,  é unha gran aposta polas parroquias deste municipio.

Comparte este artigo