O concello de Redondela leva 480 maiores a coñecer o patrimonio de Noia e A Pobra do Caramiñal

Redacción

– A actividade celébrase esta semana, con tres saídas. Os veciños e veciñas desfrutan dunha xornada completa de lecer e convivencia que inclúe visitas guiadas polo patrimonio cultural, histórico e natural destas vilas coruñesas. As próximas excursións serán ao Carballiño no mes de outubro.

– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que nestas viaxes as persoas maiores “optan a actividades de calidade para o seu tempo de lecer, unha boa oportunidade para que desfruten, convivan e descubran lugares de gran interese cultural e patrimonial”.

O Concello de Redondela celebra esta semana as de excursións para os maiores do municipio. Nesta ocasión teñen como destino as vilas de Noia e A Pobra do Caramiñal. Un total de 480 veciños e veciñas participan nesta iniciativa de convivencia e lecer, programada en tres xornadas consecutivas (martes, mércores e hoxe xoves) para distribuír os grupos e garantir a comodidade dos asistentes.

Os participantes poden desfrutar dunha completa visita guiada polo casco histórico de Noia, declarado Conxunto Histórico-Artístico. Coñecida tradicionalmente como a “pequena Compostela”, a vila ofrece un viaxe no tempo grazas ao seu pasado medieval. As Igrexas de San Martiño (S. XV) e Sta María a Nova, o Museo de Laudas, a Casa do Concello e o Museo de Carpintería de Ribeira son algúns dos puntos de interese que percorren. Na Pobra do Caramiñal achéganse, entre outros lugares, á Casa Museo de Valle-Inclán.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia destas viaxes: “Os nosos maiores merecen propostas de calidade para o seu lecer e estas excursións son unha oportunidade para que desfruten, compartan momentos xuntos e descubran novos lugares de gran interese cultural e patrimonial”. Rivas amosou tamén a súa satisfacción pola “excelente acollida” que ten sempre esta convocatoria entre a veciñanza.

Pola súa banda, a concelleira de Maiores, Iria Vilaboa, incidiu nos beneficios que aporta o programa aos participantes: “O noso obxectivo é promover un envellecemento activo e saudable. As viaxes non só ofrecen cultura e turismo, senón que fomentan a socialización e as relacións entre persoas das distintas parroquias”. Vilaboa anunciou que está a preparar xa as próximas excursións que serán “en  outubro con destino ao Carballiño”.

O programa “Redondela descubre” ofrece este ano máis de 1.800 prazas. As viaxes realízanse en temporada baixa cun prezo reducido “para facilitar que todas as persoas que o desexen poidan participar” e contan sempre con guías oficiais. Desde o Concello de Redondela agradecen a colaboración dos municipios que visitan “onde nos reciben cos brazos abertos e facilitan as visitas aos lugares de interese desde as súas oficinas de información turística”.

Comparte este artigo