– A Xunta de Galicia comprometeuse en novembro de 2024 a remitir ao Concello o convenio asinado para abrir ao público a mostra de Sargadelos na Casa da Torre. Pasados 22 meses, o Concello non recibiu comunicación algunha. A alcaldesa está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que agardamos desde hai anos”.
– O convenio de cesión, asinado pola Xunta co anterior goberno do PP, establecía condicións de seguridade con cámaras de vixilancia. O sistema é o mesmo que se conserva actualmente na sala. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión, debería facelo “nas mesmas condicións”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, urxe á Xunta de Galicia a formalizar o convenio administrativo que permita reabrir a exposición de Sargadelos instalada no edificio da Casa da Torre. En novembro de 2024 celebrouse unha xuntanza no Concello Redondela entre a alcaldesa, a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, e o Director da Axencia de Turismo da Xunta, José Manuel Merelles. Nese encontro Merelles comprometeuse a que en tres meses estarían os convenios asinados, prazo que rematou hai máis de ano e medio sen ter recibido o Concello comunicación algunha. O responsable da Xunta aproveitou a viaxe a Redondela para coñecer de primeira man a mostra, visita que realizou coa alcaldesa e a concelleira Pérez Táboas. Merelles puido comprobar persoalmente o estado da colección, en vitrinas pechadas, contando a sala con cámaras de vixilancia. A exposición leva pechada dende 2020, e desde esa data a Xunta non realizou labores de mantemento das salas, nin autorizou ao Concello a facelas.
En canto á solicitude feita pola Xunta de Galicia sobre os medios de seguridade na sala da Casa da Torre, a alcaldesa lembra que no convenio de cesión inicial estableceuse un sistema con cámaras de vixilancia. O equipo é o mesmo que se conserva actualmente. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión “nas mesmas condicións”, os requisitos en materia de seguridade “deberían ser tamén os mesmos”.
A alcaldesa, a través dos servizos técnicos do Concello, xa solicitou á Xunta “que na maior brevidade posible” se leven a cabo as xestións necesarias para a renovar os convenios para o uso da sala da Casa da Torre coa exposición de Sargadelos, así como a cesión da praza da Torre e a parcela O Carballo das Cen Pólas e finca anexa “A Garonda” en Reboreda.
Rivas afirma que o Concello está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que agardamos desde hai anos”. A rexedora redondelá confía en que desde a entidade dependente da Xunta se confirme tamén canto antes esa boa disposición para facer o acordo oficial “tal como se comprometeu o director Miralles na súa visita a Redondela”.
A rexedora sinala que o Concello “fixo os deberes” e solicitou en incontables ocasións a renovación dos convenios.

