A iniciativa permitirá ás vivendas unifamiliares do municipio dispoñer de composteiros de 400 litros de balde para transformar os residuos orgánicos en compost
O Concello de Soutomaior pon en marcha unha nova campaña de fomento da compostaxe doméstica coa que entregará novos composteiros de balde a vivendas unifamiliares do municipio. Trátase dunha iniciativa dirixida a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia de facilitar á veciñanza ferramentas que permitan avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos desde os propios fogares.
“A compostaxe doméstica é un exemplo moi claro de como pequenas accións individuais poden contribuír a mellorar o coidado do noso municipio. Dende o Concello queremos facilitar á veciñanza os medios necesarios para que poida compostar na súa propia casa, reducindo a cantidade de residuos orgánicos que xeramos e, ao mesmo tempo, obtendo un recurso útil para as hortas e os xardíns”, sinala Manu Lourenzo.
O alcalde tamén puxo en valor a conexión desta iniciativa coa tradición do rural de Soutomaior: “Estamos recuperando e actualizando unha práctica que forma parte da nosa cultura e da nosa maneira tradicional de aproveitar os residuos orgánicos. Agora facémolo cun sistema máis cómodo, hixiénico e eficiente, adaptado ás necesidades actuais”, engade.
Quen pode solicitalo?
Pode acceder a este composteiro toda persoa que resida nunha vivenda illada que conte cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m².
A veciñanza interesada pode realizar a solicitude de dúas formas:
A través da solicitude online, dispoñible escaneando o código QR incluído na cartelería informativa da campaña.
Chamando ao teléfono do Concello: 986 705 106, extensión 01.
Características do composteiro
Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e debe instalarse no exterior da vivenda, tendo en conta unhas recomendacións básicas para o seu correcto funcionamento:
- Situalo nunha zona sombreada, protexida das inclemencias meteorolóxicas.
- Preferiblemente, baixo unha árbore de folla caduca.
- En contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Recuperar unha tradición do rural galego
Coa posta en marcha desta nova campaña, o Concello de Soutomaior busca poñer en valor as vantaxes ambientais, económicas e sociais da compostaxe doméstica.
Ademais, estas accións supoñen unha oportunidade para recuperar unha tradición xa asentada no rural galego —a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost—, actualizándoa mediante un sistema máis óptimo, hixiénico, cómodo e eficiente.
Deste xeito, o Concello reafirma o seu compromiso coa xestión sustentable dos residuos e coa mellora ambiental do municipio, ofrecendo á veciñanza unha ferramenta sinxela e gratuíta para reducir a xeración de residuos orgánicos dende os propios fogares.
Máis información e solicitudes: 986 705 106, extensión 01, ou a través da web oficial do Concello: www.soutomaior.gal

