O Concello de Soutomaior reparte preto de 1.000 axendas escolares nos centros públicos do municipio

Redacción

O Concello entrega gratuitamente este material educativo á Galiña Azul, ao CEIP Manuel Padín Truiteiro e ao IES Soutomaior

O Concello de Soutomaior repartiu esta mañá preto de 1.000 axendas escolares entre o alumnado dos centros educativos públicos do municipio, coincidindo co inicio do novo curso escolar.

O concelleiro de Educación, Gonzalo Outeiro, realizou a entrega das axendas na Galiña Azul, no CEIP Manuel Padín Truiteiro e no IES Soutomaior, onde este material se distribuirá de maneira gratuíta entre o alumnado.

En total, o Concello repartirá 30 axendas na Galiña Azul, 380 no CEIP Manuel Padín Truiteiro e 400 no IES Soutomaior. As axendas contan ademais con dous deseños adaptados ás diferentes etapas educativas: un dirixido ao alumnado de Infantil e Primaria e outro pensado especificamente para o alumnado de Secundaria.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, puxo en valor que “comezar un novo curso é sempre un momento importante para as familias e para toda a comunidade educativa, e desde o Concello queremos estar ao lado dos nosos centros e do noso alumnado”. “A educación é unha prioridade para este Goberno e queremos que ese compromiso se traduza tamén en medidas concretas que faciliten o día a día das familias”, sinalou o alcalde, que destacou o traballo realizado durante todo o ano en colaboración cos centros educativos do municipio.

Pola súa banda, o concelleiro de Educación, Gonzalo Outeiro, explicou que “estas axendas son unha ferramenta sinxela pero moi útil para que o alumnado poida organizar as súas tarefas, horarios e actividades ao longo do curso”. “Un ano máis quixemos que todo o alumnado dos centros públicos de Soutomaior conte coa súa axenda de maneira gratuíta e cun deseño adaptado á súa idade”, engadiu Outeiro.

Un curso que comeza con normalidade

A volta ás aulas comezou con normalidade nos centros educativos públicos de Soutomaior. O CEIP Manuel Padín Truiteiro conta este curso con 346 alumnos e alumnas, mentres que o IES Soutomaior suma 383 estudantes. Pola súa banda, a escola infantil A Galiña Azul conta con preto dunha trintena de nenos e nenas.

As axendas escolares inclúen, ademais do espazo destinado á organización diaria das tarefas, información sobre os períodos vacacionais, celebracións e festexos locais e diferentes conmemoracións destacadas vinculadas ao ámbito educativo ao longo do curso 2026-27.

Con esta iniciativa, o Concello de Soutomaior reafirma o seu compromiso cos centros educativos públicos e co apoio ás familias, facilitando material de uso diario para o alumnado e acompañando á comunidade educativa no inicio dun novo curso escolar.

Comparte este artigo