O Alto da Pedrada será un dos mellores puntos da comarca para observar un eclipse no que a Lúa ocultará ata o 99,11 % do Sol e o Concello repartirá gafas homologadas para unha observación segura.
O vindeiro 12 de agosto, o Miradoiro da Magdalena, no Alto da Pedrada, converterase nun lugar privilexiado para contemplar un dos acontecementos astronómicos máis importantes das últimas décadas. En Tomiño, o eclipse solar parcial permitirá que a Lúa chegue a cubrir ata o 99,11 % do Sol, unha porcentaxe excepcional que fará deste fenómeno o máis destacado en Galicia nos últimos cen anos e ofrecerá unha oportunidade única para desfrutar dun espectáculo extraordinario.
Para facilitar o seguimento deste acontecemento, o Concello de Tomiño, en colaboración coa Comunidade de Montes de Barrantes, está a organizar un dispositivo especial que incluirá medidas de seguridade, apoio loxístico e información ás persoas asistentes; o cal se publicará os vindeiros días nas redes municipais.
O eclipse comezará arredor das 19.30 horas, aínda que desde o Concello recoméndase achegarse con suficiente antelación para evitar aglomeracións e facilitar o acceso ao miradoiro, sendo a actividade de acceso libre e non precisando de ningún tipo de inscrición. Tamén se anima ás persoas asistentes a compartir vehículo sempre que sexa posible ou a realizar a subida a pé, gozando da contorna natural e das vistas que ofrece un dos puntos máis elevados do municipio.
O Concello repartirá, por orde de chegada e ata esgotar existencias, gafas homologadas para a observación segura do eclipse. Lémbrase que é imprescindible empregar este tipo de protección certificada e que nunca se debe mirar directamente ao Sol nin utilizar métodos caseiros ou lentes non homologadas.

