O Concello do Porriño convoca o concurso fotográfico ‘#ONosoEncontro’ para ilustrar o Calendario 2027

Redacción
  • O certame repartirá máis de 1.900 euros en premios entre as doce mellores imaxes que mellor reflectan os espazos de convivencia e a vida comunitaria do municipio. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 15 de novembro.

O Concello do Porriño pon en marcha o primeiro Concurso Fotográfico #ONosoEncontro co obxectivo de seleccionar as doce imaxes que formarán parte do Calendario Municipal do ano 2027. A iniciativa busca premiar a creatividade da veciñanza e capturar a esencia da vida social do municipio.

A temática xira arredor dos espazos de reunión, interacción e convivencia social. “Este é un pobo con espazos marabillosos, de natureza, de arquitectura, de lecer… así que a materia prima está ao servizo das persoas que queiran participar”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que destaca que o seu goberno segue a propiciar eses espazos con zonas pensadas para as persoas.

As fotografías participantes deberán estar tomadas no municipio do Porriño e amosar contornas representativas como prazas, rúas, parques, ríos, paseos ou mercados. O xurado valorará especialmente a capacidade das imaxes para transmitir identidade local e vida comunitaria.

Requisitos e inscrición

A participación está aberta a todas as persoas maiores de 18 anos que sexan seguidoras das páxinas oficiais do Concello en Facebook ou Instagram. No caso de ser un menor quen realice a fotografía, sempre deberá ser un adulto quen a presente no seu nome. 

As propostas deberán enviarse en formato dixital (JPEG, PNG ou TIFF) cunha resolución mínima de 300 ppp a través do formulario habilitado na plataforma Easypromos. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 15 de novembro ás 23:59 horas.

Premios e votación

O certame repartirá un total de 12 premios entre as imaxes máis votadas, nun proceso que combinará o voto do público coa valoración dun xurado.

  • Primeiro premio: 500 €
    Segundo premio: 300 €
  • Terceiro premio: 200 €
  • Do cuarto ao décimo segundo clasificado: 100 € cada un

As bases completas do concurso xa se poden consultar no taboleiro de anuncios municipal e en escultura.net.

Comparte este artigo