O concello pon en valor a traxectoria e o labor da Bande de Música como embaixadora de Caldas de Reis antes da súa participación nos “Xogos Olímpicos da Música de Vento2

Redacción

A formación competirá esta fin de semana no prestixioso World Music Contest (WMC), nos Países Baixos

O alcalde, Jacobo Pérez, confirma que haberá unha pantalla habilitada no Auditorio para gozar coa actuación da banda

O alcalde, Jacobo Pérez, acompañado polo tenente de alcalde, Manuel Fariña, recibiu na mañá deste martes no Salón de Plenos da Casa Consistorial a unha representación da Banda de Música de Caldas de Reis, días antes da súa participación, a vindeira fin de semana, no prestixioso World Music Contest (WMC). Este evento, que ten lugar cada catro anos, está considerado como os Xogos Olímpicos da Música de Vento. A cita terá lugar na localidade de Kerkrade, nos Países Baixos. A formación competirá na máxima categoría o sábado 1 de agosto, a partir das 16.00 horas. O alcalde confirmou que se habilitará unha pantalla no Auditorio Municipal desde as 15.00 horas, nun encontro no que “haberá varias sorpresas”, e que se fai “para que todos aqueles familiares, amigos e amigas que non poidan acompañar á Banda neste momento tan importante poidan transmitirlles o seu apoio, ao igual co resto da nosa veciñanza”. Pérez Gulín transmitiu aos representantes da Banda de Música os mellores desexos, ao tempo que destacou que esta formación, que conta con varios premios e galardóns tanto nacionais como a nivel autonómico, “é motivo de orgullo para o noso municipio”.

Día dos Avós

Por outra banda, o Concello salienta a gran acollida das actividades celebradas o pasado luns, con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Avós. Foi unha xornada moi especial, na que as crianzas e as persoas maiores, avós, avoas, netos e netas, compartiron anécdotas e xogos tradicionais. Pola mañá, un grupo de veciños e veciñas da terceira idade visitaron a Ludoteca Municipal para achegarlle aos activos e cativas algunhas cancións que soaban cando eran mozos e contarlles contos e lendas sobre Caldas de Reis. Pola tardeo Parque do Maior, na Tafona, foi escenario dos xogos tradicionais, ademais dunha gran merenda.

Comparte este artigo