– A actuación contempla unha renovación profunda do firme e unha nova rede de drenaxe de pluviais ao longo de 538 metros de lonxitude. O proxecto centrarase en corrixir as deficiencias históricas de seguridade viaria na parroquia. Esta obra na parroquia de Trasmañó ascende a máis de 400.000 euros en total.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que este investimento cumpre co compromiso do Goberno local coa mellora dos servizos públicos en todas as parroquias. “Esta obra é fundamental para dotar a Trasmañó duns accesos modernos e seguros; transformamos as demandas históricas en investimentos reais que melloran o día a día da veciñanza”, sinalou a rexedora.
O Concello de Redondela vén de aprobar a adxudicación oficial do proxecto de “Pavimentación e Mellora da Subida a Trasmañó”, unha intervención urxente e de gran calado que conta cun orzamento de 138.000. As obras permitirán renovar un tramo de máis de 530 metros da estrada, cunha superficie total de 4.643 metros cadrados. O proxecto céntrase principalmente en resolver de xeito definitivo os problemas de filtracións de auga e o desgaste do viario. Para iso executará unha rede de recollida de augas pluviais con novas tubaxes de PVC e cunetas de drenaxe de formigón. Tamén se aplicará unha nova capa de rodadura en todo o ancho da vía.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que este investimento cumpre cun firme compromiso do Goberno local coa mellora dos servizos públicos en todas as parroquias. “Esta adxudicación é un paso fundamental para dotar á veciñanza de Trasmañó duns accesos modernos e plenamente seguros na estrada principal desta parroquia; transformamos as demandas históricas en investimentos reais que melloran o día a día das parroquias”, sinalou a rexedora.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, puxo en valor os aspectos técnicos da obra. “Non imos limitar os traballos a un simple parcheado de asfalto, senón que realizamos unha reforma integral que prioriza un potente sistema de drenaxe e canalización de pluviais, garantindo así a durabilidade do firme e a seguridade de peóns e condutores”, explicou o edil.
A Subida a Trasmañó está dentro do Plan de Investimentos en Camiños Municipais, un ambicioso proxecto para renovar máis de 60 camiños repartidos por todas as parroquias do municipio e se financiada con cargo ao remanente municipal que ascende a 2,7 millóns de euros en total.
A renovación desta estrada completarase cun investimento a maiores de arredor de 264.000 euros. Este investimento será a través do Plan + Provincia da Deputación.
Rivas destacou que é unha actuación “estratéxica” para Trasmañó e para toda esta contorna. “É unha estrada moi utilizada cada día por centos de veciños e veciñas, que comunica esta zona con Cabanas e outras parroquias próximas, e que precisaba dunha reforma integral”.
Esta obra na parroquia de Trasmañó ascende a máis de 400.000 euros en total. O inicio dos traballos en campo está previsto para as vindeiras semanas.

