Este venres, 15 de marzo, farase a presentación oficial da XXXVI edición da Festa da Ostra. Un acto que terá lugar ás 12:00 h. na Pousada do Castelo de Soutomaior e no que estarán convidadas autoridades, hostaleiros do concello e adegueiros. Unha cita onde estará presente o pregoeiro e onde se dará a coñecer o programa completo desta edición.
Todo listo para a XXXVI edición da Festa da Ostra. Unha cita que se presentará de maneira oficial este venres 15 de marzo ás 12:00 h. na Pousada do Castelo de Soutomaior. Un evento onde estarán presentes membros da corporación municipal acompañados polos adegueiros do concello (Noelia Bebelia, Cosecheros Reunidos e Quinta das Eiras) e tamén os establecementos hostaleiros de Soutomaior que na súa carta oferten a ostra.
Unha presentación onde terá un papel protagonista o pregoeiro desta XXXVI edición da Festa da Ostra, o popular Manuel Lourenzo González Un escritor con máis de 30 obras as súas costas e que logrou todos os principais premios en lingua galega entre os que destacan o premio Xerais, o Merlín, o Barco de Vapor, o Blanco Amor e o García Barros. Manuel Lourenzo González conta ademais cun grande vínculo familiar con Arcade que fai que o seu pregón sexa, se cabe, máis especial.
Coa presentación deste venres botará a andar toda a maquinaria para poñer en funcionamento esta edición da Festa da Ostra que se celebrará, como ven sendo habitual, a primeira fin de semana de abril, os días 5, 6 e 7 de abril deste 2024.

