O festival Canto Conto celebra a súa décima edición con música, xogos e actividades para toda a familia

Redacción

Será o 7 de xuño no Pazo de Mos

O festival infantil e familiar Canto Conto regresará o vindeiro 7 de xuño ao Pazo de Mos cunha edición moi especial. A cita, que alcanza xa a súa décima edición, reunirá unha ampla programación cultural e lúdica pensada para público de tódalas idades, combinando concertos, espectáculos, xogos e obradoiros ao longo de toda a xornada.

A organización aposta novamente por un formato participativo e familiar, consolidado xa como unha das propostas culturais de referencia no municipio.

A programación arrancará ás 12.00 horas co concerto de Pakolas & Banda. A continuación, celebrarase un scaperoom colectivo dunha hora e media de duración, aberto á participación simultánea de tódalas persoas asistentes.

A tarde continuará coa animación de rúa do Grupo Xiada, seguida do concerto de Brais das Hortas. Despois chegará “Malabarabilidades”, un espectáculo de malabares pensado para o público familiar, mentres que o peche musical correrá a cargo de Arigato.

De maneira paralela, o recinto contará durante toda a xornada con diferentes actividades permanentes. Entre elas, un obradoiro de chapas; hinchables; xogos populares e xogos xigantes; ademais dun obradoiro de arxila.

Pola súa banda, o festival disporá de postos de comida e bebida durante todo o día, incluíndo opcións sen glute, reforzando así a súa aposta por unha oferta adaptada ás diferentes necesidades alimentarias.

Este festival enmárcase dentro da programación oficial da Festa da Rosa deste ano.

Comparte este artigo