O goberno do PP:  un día arrasa coas árbores da Alameda e ao día seguinte busca alugar unha carballeira

Redacción

O candidato do BNG á alcaldía da Estrada, Marcos Borrageros, criticou con dureza a decisión do goberno municipal do PP de estudar o aluguer da coñecida como Carballeira de Melania, cualificando esta actuación como un novo exemplo da falta de rumbo do goberno local.

“Non estamos en contra de que a Carballeira de Melania se destine a zona verde e a aparcadoiro en superficie. De feito, o BNG leva anos reclamando precisamente iso: máis espazos verdes e máis prazas de aparcadoiro en superficie para a Estrada. O que denunciamos é a hipocrisía e a falta de planificación dun goberno que un día arrasa coas árbores da Alameda e ao día seguinte busca alugar unha carballeira para facer aquilo que el mesmo destruíu”, afirmou Borrageros.

O candidato nacionalista lembrou que o mesmo goberno do PP que agora contempla alugar terreo arborado foi quen, no seu día, arrasou con todas as árbores da Alameda da Estrada para substituílas por cemento, nunha actuación que tivo un custe total de 3.304.635 euros. Deste importe, 1.794.635 euros saíron directamente do peto dos veciños e veciñas para pagar a expropiación dos terreos, mentres que os 1.510.000 euros restantes, correspondentes ao custe do proxecto, foron sufragados con fondos EDUSI.

“Sexamos claros: destruíron unha zona verde consolidada no centro da vila, cargando o custo sobre os veciños, e agora, sen ningún tipo de autocrítica, e agora alugan unha zona verde cos nosos impostos. Isto non é un goberno con proxecto para o concello, é un polo sen cabeza, que actúa sen plan nin criterio, guiado unicamente pola ocorrencia do momento”, sentenciou o candidato do BNG.

Ademais”, engadiu Borrageros, “non só é un pulmón verde alugado, senón que é unha solución improvisada e temporal, xa que a carballeira de Melania ten o PXOM a cualificación de solo edificable”.

Borrageros insistiu en que a Estrada “non pode seguir a mercé da improvisación” e reclamou ao goberno municipal “coherencia e planificación real”, en lugar de “decisións contraditorias que primeiro destrúen o que temos e despois obrigan a pagar por recuperar, aínda que sexa en aluguer, aquilo que nunca se debeu perder”.

O BNG da Estrada reitera o seu compromiso coa ampliación das zonas verdes e dos aparcadoiros en superficie no municipio, e emprázase a seguir defendendo un modelo de vila “planificado, sustentable e ao servizo da veciñanza, e non das ocorrencias de quen goberna sen proxecto”.

Comparte este artigo