O grupo Camino Portugués from Tui en Facebook acada os 10 mil membros en Facebook

Redacción

O perfil en castelán e portugués nesta rede  social supera os 13.400 membros

O Camiño Portugués ao seu paso por Tui continúa a crecer non só en número de peregrinos e peregrinas que o percorren senón tamén no seu seguimento nas redes sociais.

Así o grupo “Camiño Portugués from Tui”, en Facebook  promovido polo Concello de Tui dende outubro de 2023, acadou estes días a cifra de 10.000 membros activos, un número récord no mundo das redes sociais. Cómpre destacar que se trata dun caso único: un grupo en lingua inglesa e centrado, concretamente, nunha cidade dunha ruta xacobea.

Préstase nel especial atención ao tramo Porto-Santiago por Ponte de Lima (o chamado Caminho Central), así como ao do Caminho Portugués da Costa que dende Viana do Castelo vai por Caminha e Valença. É un grupo de servizos, axuda e orientación ao peregrino que fai fincapé no carácter histórico deste Camiño de Santiago fronte a outras rutas carentes desa dimensión.

O grupo xurdiu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola cidade e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, xa que esta rede é a máis empregada no ámbito da peregrinación. Un dos datos máis interesantes é a fidelidade dos membros, que proceden especialmente de Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña: non se dan de baixa unha vez rematada a súa peregrinación.

“Camino Portugués from Tui” é un grupo complementario doutro, igualmente en Facebook, chamado “Camino Portugués Tui” en español e no idioma luso, que conta con 13.400 membros. Hai que deixar constancia tamén da páxina activa diariamente “800 aniversario de la consagración de la Catedral de Tui”, neste caso coa colaboración do Instituto de Estudos Tudenses.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez Álvarez, sinala que estas cifras poñen de manifesto o éxito destas iniciativas de promoción da cidade a través das redes sociais, xa que Tui é dende fai máis dun milenio a porta de entrada dos Camiños Portugueses en Galicia.

A tripla iniciativa responde aos obxectivos de ofrecer información fiable e concreta sobre a nosa cidade para todos os usuarios e usuarias interesados no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento de Tui como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas procedentes de Portugal.

Comparte este artigo