- Os cuartetos participantes abrirán a tarde cunha ruada polas rúas da vila ás 16:30 horas.
- O certame de gaitas máis antigo de Galicia renderá unha emotiva homenaxe a Wenceslao Cabezas “Polo”, referente da música tradicional.
- O mítico grupo folk A Roda porá o broche de ouro á xornada cun grande concerto de balde no Parque da Feira Vella.
O Concello de Ponteareas prepárase para vivir un dos días máis agardados e significativos de toda a programación das súas Festas de Setembro. Este sábado, día 19, a Vila do Tea converterase no epicentro do noso folclore coa celebración do “LVIII Concurso de Gaitas do País”, unha cita histórica que segue consolidada como o certame en activo máis antigo de toda Galicia.
A xornada festiva arrancará ás 16:30 horas coa tradicional ruada dos grupos participantes, que encherán de son, ritmo e cor as rúas céntricas do municipio, quentando motores co público antes do inicio da competición. A continuación, ás 17:00 horas, o Auditorio Municipal Reveriano Soutullo acollerá o concurso, onde os mellores cuartetos tradicionais da comunidade medirán o seu talento.
O prestixioso certame conta este ano cun orzamento total de 10.000 euros destinados a galardóns e axudas institucionais. A formación que se alce co cobizado primeiro premio recibirá unha dotación económica de 2.000 euros e unha gaita tradicional galega de artesanía cedida polo Obradoiro de Gaitas Gil. Pola súa banda, o segundo clasificado obterá 1.600 euros e un tamboril de Sanín Percusión Tradicional.
O terceiro e o cuarto posto estarán dotados con 1.200 euros e 800 euros, respectivamente. Ademais, cun firme compromiso de apoiar o esforzo e o desprazamento de todos os músicos, o concello concederá unha gratificación de 600 euros para cada un dos cuartetos participantes que non resulten premiados nos catro primeiros lugares.
Carga emocional
Esta quincuaxésimo oitava edición terá unha carga emocional única, xa que a organización renderá unha profunda e merecida homenaxe a Wenceslao Cabezas “Polo”. Recoñecido de xeito unánime como unha figura cumio na transmisión, docencia e conservación da música e o baile tradicional galego, “Polo” recibirá a calor e o recoñecemento de Ponteareas por toda unha vida consagrada a salvagardar a identidade cultural de Galicia.
O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou a calidade artística do evento, sinalando que “seguimos apostando firmemente por potenciar o coñecemento dos nosos músicos e por recoñecer a traxectoria de quen mantén viva a nosa esencia”. Este sábado “non só imos desfrutar dun certame de máximo nivel no Auditorio, senón que encheremos a rúa de festa cunha gran ruada e co concerto dun grupo tan emblemático para o folclore como é A Roda”, engadiu González.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinalou a relevancia de manter vivo este legado, xa que “O Concurso de Gaitas do País é o orgullo cultural da nosa vila e o máis antigo da nosa terra”. Castro destacou que este ano, ademais, “temos a honra de homenaxear a ‘Polo’, un home cuxo compromiso e xenerosidade deixaron unha pegada imborrable en xeracións de músicos galegos. Con este recoñecemento, Ponteareas devolve unha pequena parte de todo o que el nos brindou”.
Feche de luxo con A Roda
Tras a entrega de premios e o acto de homenaxe, a celebración das Festas de Setembro continuará na rúa de forma multitudinaria. Ás 21:00 horas, o Parque da Feira Vella acollerá a actuación en directo de “A Roda”. A mítica formación folk galega será a encargada de pechar esta gran xornada interpretando os seus himnos e clásicos imperecedoiros.
Dende o Concello convídase a toda a veciñanza e aos visitantes que se achegan estes días ás Festas de Setembro a sumarse a esta xornada de orgullo, tradición e memoria cultural. A entrada a todas as actividades será completamente de balde ata completar o aforo.

