O novo Mercado Municipal “Mercatea” abre as súas portas o vindeiro sábado 1 de agosto

Redacción

O pleno aprobou hoxe o cambio de ubicación dende a antigua praza á nova instalación

O Pleno do concello de Ponteareas aprobou hoxe de forma oficial o traslado do actual Mercado Municipal ás novas instalacións de “Mercatea”, na antiga nave de Aceros do Tea, na Avenida de Galicia. Isto implica que a partir do día 1 de agosto os usuarios xa poderán desfrutar e mercar nas novas e modernas instalacións.

O novo recinto de “Mercatea”, desenvolvido mediante a profunda transformación arquitectónica da emblemática nave, nace como un referente de modernización para o comercio de proximidade galego, ofrecendo a usuarios e comerciantes un espazo vangardista, accesible e adaptado ás necesidades tecnolóxicas actuais. Os postos de venda proxectáronse como módulos tecnolóxicos avanzados, dotados individualmente de conexións dixitais de alta velocidade, canalizacións de servizo empotradas y sistemas centralizados de refrixeración de alta eficiencia para a perfecta conservación dos produtos frescos.

O novo mercado unifica a tradición artesanal con tendencias contemporáneas para dar cabida tanto aos industriais históricos que se trasladarán como a novos emprendedores. A actividade comercial organízase de xeito integral ao longo do recinto, alternando os módulos de alimentación tradicional especializados con novos espazos complementarios e de corte gourmet. En concreto, “Mercatea” contará con tres carnicerías, unha chacinería, dezasete peixerías, unha floristería, tres postos de alimentación/ultramarinos, un posto de conxelados, un bar-cafetería e un espazo gastronómico.

Na urbanización exterior executouse unha obra de rexeneración urbana, creando unha nova zona verde con arborado, xardíns e un estanque de auga. Cómpre destacar tamén que a actuación permite gañar máis espazo público para a veciñanza. Ademais, no aparcadoiro de Granitos créase unha zona azul gratuíta de estacionamento regulado.

Nova Biblioteca

O cambio a nova instalación supón deixar atrás un mercado municipal con máis de 40 anos, pero que será aproveitado para convertilo nunha nova e moderna Biblioteca Municipal, un dos proxectos necesarios e máis esperados pola ciudadanía, e para o que o goberno local xa conseguiu o financiamento.  Deste xeito ademáis de gañar en amplitude, a nova biblioteca estará situada nun edificio céntrico e emblemático que será completamente renovado.

Trátase dun gran “complexo” cultural de máis de 2.500 metros cadrados, que albergará salas de lectura, espazos de estudo e zonas polivalentes destinadas a actividades educativas e culturais. Será un espazo de referencia para a vida cultural e formativa de Ponteareas, un moderno centro de cultura, lectura e encontro, aberto e accesible para toda a veciñanza.

Comparte este artigo