O párroco Eloy Perales presenta Andén, a súa segunda obra literaria

Redacción

O Centro Social e Deportivo de Guizán acolleu onte a presentación de Andén, o segundo libro de Eloy Perales Rodal, actual párroco das parroquias de Dornelas, Tameiga, Guizán e Louredo.

O acto contou coa participación da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen destacou o valor da creación cultural vinculada ao territorio e ás persoas que forman parte activa da vida social do municipio.

Trala publicación de Hotel en 2025, o autor presenta agora unha nova obra escrita entre finais de 2025 e comezos deste ano, en lugares como Mondariz Balneario e Cangas de Morrazo, e que incorpora tamén referencias a Louredo, parroquia do concello.

Andén estrutúrase en tres partes —Andén, Magenta e Mónica— nas que se combinan narrativa e poesía. A primeira delas sitúase no Nadal de 1979 e desenvolve parte da súa historia na contorna de Louredo, conectando Galicia con Madrid a través dunha relación marcada pola intensidade emocional.

A segunda parte, Magenta, afonda nun contexto social complexo das décadas dos setenta e oitenta, mentres que Mónica ofrece unha reflexión sobre a realidade actual desde a perspectiva dunha protagonista que loita por saír adiante.

Durante a presentación púxose en valor a vinculación do autor co municipio, tanto desde o punto de vista persoal como pola súa labor pastoral nas parroquias de Mos.

O acto reuniu a numerosa veciñanza e persoas interesadas na cultura, consolidándose como unha nova iniciativa de dinamización cultural no concello.

Comparte este artigo