O pavillón da Montesiña, de Soutomaior, xa leva o nome de Alfonso Pazos

adminON
Lectura mínima de 4

Esta mañá tivo lugar a emotiva e sentida homenaxe a Alfonso Pazos co descubrimento da placa conmemorativa que leva o nome do que dende hoxe será o Pavillón Municipal da Montesiña Alfonso Pazos.

O concello de Soutomaior organizou nesta xornada o acto de homenaxe a Alfonso Pazos, un veciño que adicou toda a súa vida ao deporte e que fixo de todo polo baloncesto, masculino e feminino, do concello de Soutomaior.

O acto deu comezo coa aparición de Alfonso Pazos no Pavillón, momento no que todas e todos os asistentes se puxeron en pe para recibilo con moito agarimo cunha gran ovación. A continuación tivo lugar a parte máis institucional do acto coa intervención por parte de cada un dos partidos con representación no pleno da corporación. Deste xeito, Silvia Castiñeiras do PSOE, Paco Iglesias do PP e Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior polo BNG, agradeceron a labor, o traballo e a enorme adicación de Alfonso Pazos polo deporte no concello.

Tralas intervención Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, fíxolle entrega dun agasallo por parte do concello, dunha camiseta co número 1 e o seu nome do Club de Baloncesto Arcade e un marco con fotos históricas do club.

A continuación, chegou a parte máis emotiva do acto coa intervención de deportistas vecellados con Alfonso Pazos e coa súa historia do deporte do concello. Interviron o vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto, Ramón Lago e logo veciñas e veciños do concello que formaron parte en diferentes xeracións do Club de Baloncesto Arcade que foron Nieves Lusquiños, Eduado Ocampo e Xaime Nogueira. Todos e cada un delas e eles destacaron a enorme valía de Alfonso Pazos que apostou polo baloncesto ata o final, que en épocas difíciles conseguiu que moitas mozas e mozos visen no deporte como unha saída ante moitos problemas, pero o que todas e todos destacaron por enriba de todo era o seu “ enorme corazón, sempre disposto a escoitar e a prestar axuda ante calquera situación persoal ou deportiva”. Outra das cousas que facía sempre Alfonso Pazos, segundo explicou esta mañá na súa intervención o alcalde Manu Lourenzo era dar premios a final da tempada, un dos máis importantes era “o premios á constancia” un premio que cando “es novo non valoras demasiado pero sen dúbida foi, co paso do tempo” o premio máis destacado.
Unha medalla á constancia que as pequenas e pequenos das Escolas Deportivas do Concello lle impuxeron esta mañá a Alfonso Pazos. Tras esta entrega fixéronlle unha demostración con tiros a canasta e xogadas de baloncesto a Alfonso Pazos.

Alfonso Pazos tivo a oportunidade, emocionado, de agradecer a presenza e o agarimo recibido nesta xornada por todas e todos os que estiveron neste día no Pavillón.
Tras esta intervención chegou o momento do descubrimento da placa co nome do Pavillón da Montesiña Alfonso Pazos.

Para rematar os centros de persoas asistentes que quixeron formar parte desta emotiva homenaxe puideron desfrutar dun pincho e ter a oportunidade de falar con Alfonso Pazos, moitos abrazos, risas, anécdotas e algunha que outra bagoa de emoción estiveron presentes nesta homenaxe a este veciños de Soutomaior que adicou ao súa vida ao deporte no concello.

Comparte este artigo