O certame reuniu un total de 40 poemas participantes nas categorías xuvenil e adultos
O Pazo de Mos acolleu este venres o acto de entrega de premios do II Concurso de Poesía “Escribe un poema a María Magdalena”, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Cultura e a Biblioteca Pública Municipal María Magdalena do Concello de Mos co obxectivo de promover a creación literaria en lingua galega e manter vivo o legado cultural da poetisa mosense María Magdalena.
O concurso contou nesta segunda edición cunha alta participación, acadando un total de 40 poemas presentados entre as dúas categorías establecidas: xuvenil e adultos.
Durante o acto, presidido polo concelleiro Leopoldo Costas, púxose en valor a calidade literaria das obras presentadas, así como o compromiso da veciñanza coa cultura galega e coa poesía como ferramenta de expresión e memoria colectiva.
Na Categoría A, correspondente á modalidade xuvenil, o primeiro premio foi para María Teresa Pérez García, que participou baixo o pseudónimo “Alumna Avantaxada”, co seu poema Escola de mulleres bravas. O segundo premio recaeu en Adriana González Leira, co pseudónimo “Quevedo”, pola obra Arela dos ventos.
Na Categoría B, destinada á participación adulta, o primeiro premio foi para Ana Martina Varela Velo, co pseudónimo “Limiar Cero”, polo poema [código de erro: memoria.non.borrable]. O segundo premio foi para M. Carmen Pereiro Oliveira, co pseudónimo “Camelia”, pola obra Fuxir do espazo.
O presidente do xurado destacou durante a súa intervención “a importancia de seguir creando espazos para a cultura, para a palabra e para a creación en galego”, sinalando ademais que “María Magdalena segue sendo hoxe unha referencia literaria e tamén unha inspiración para novas xeracións de creadoras e creadores”. Un dos momentos máis emotivos foi a entrega dun retrato da poetisa homexeada aos seus familiares, presentes no Pazo de Mos esta tarde.
O Concello de Mos reafirma así o seu compromiso coa promoción da literatura galega, coa participación cultural e coa defensa da identidade propia a través de iniciativas que conectan tradición e creación contemporánea. Deste xeito, tamén se avanzou durante o acto a intención do Concello de Mos de impulsar a edición dun libro recopilatorio cos poemas participantes nas dúas edicións do certame. A publicación permitiría reunir arredor de 80 composicións poéticas, converténdose non só nun recoñecemento ao talento das persoas participantes, senón tamén nun arquivo literario colectivo arredor da figura de María Magdalena.

