O Pleno aproba a licitación da nova infraestructura deportiva de Atletismo que permitirá descubrir este deporte a centos de nenos e nenas

Redacción

Fará posible dotar á localidade dunha infraestructura moderna que permita adestrar os 365 días do ano

O Pleno  do concello de Ponteareas aprobou hoxe o expediente de contratación das obras do futuro Módulo Cuberto de Atletismo das Rabadeiras, dando un paso decisivo para facer realidade unha das infraestruturas deportivas máis importantes previstas para o municipio nos vindeiros anos. Un proxecto concibido para que as vindeiras xeracións dispoñan, por fin, dunhas instalacións á altura da extraordinaria tradición atlética do noso municipio.

A aprobación deste expediente permitirá iniciar o procedemento de licitación das obras, continuando así a tramitación dun proxecto que suporá un investimento global superior aos 4,3 millóns de euros e que converterá Ponteareas nun referente para a práctica do atletismo na comarca, cunha infraestrutura moderna, funcional e preparada para responder ás necesidades do atletismo actual, garantindo o adestramento durante os 365 días do ano.

O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, destacou que  este módulo cuberto “suporá o terceiro pavillón polivalente para distintas modalidades deportivas”, que permitirá mellorar a preparación dos deportistas de base, impulsar programas de tecnificación e favorecer a celebración de concentracións deportivas. Por outra banda, complementará o resto das instalacións municipais e “ofrecerá a nenos, mozos e clubs un espazo axeitado para adestrar con independencia das condicións meteorolóxicas”, engadiu González.

A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “todo gran deportista comeza sendo un neno ou unha nena chea de ilusión. A nosa responsabilidade é ofrecerlles as mellores oportunidades para que poidan desenvolver todo o seu talento. Este módulo cuberto é un investimento nas persoas, na saúde, no deporte e no futuro de Ponteareas”.

A rexedora lembrou tamén que Ponteareas foi historicamente unha das grandes canteiras do atletismo galego e que esta actuación permitirá seguir fortalecendo esa identidade deportiva. “Non estamos construíndo unicamente un edificio; estamos creando oportunidades para as próximas xeracións e reforzando un dos sinais de identidade que mellor representan o esforzo, a constancia e o talento do noso municipio”, afirmou.

Ao detalle

Contando coas achegas realizadas pola Federación Galega de Atletismo, o proxecto apoiase na necesidade de apostar por unha instalación máis completa, versátil e adaptada ás necesidades reais dos deportistas. Concretamente, o novo equipamento consistirá nun gran pavillón cuberto especificamente deseñado para o adestramento e a práctica do atletismo durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.

A instalación albergará unha recta cuberta de velocidade, unha ampla pista de quecemento e adestramento, así como espazos destinados ao adestramento de disciplinas como o salto de lonxitude, o triplo salto e o salto de altura, ofrecendo unhas instalacións modernas e adaptadas ás necesidades do atletismo actual.

O edificio contará tamén cun completo programa de servizos, entre os que destacan catro vestiarios para equipos, dous vestiarios para adestradores, dous vestiarios adaptados, enfermaría, almacéns para material deportivo, dependencias técnicas, zonas de control e un graderío fixo con capacidade para aproximadamente 250 espectadores, deixando prevista a futura instalación dun graderío retráctil que permitirá ampliar o aforo.

O proxecto foi deseñado buscando a máxima integración coa contorna, adaptando a edificación á topografía existente, minimizando os movementos de terra, conservando a vexetación e creando novos espazos verdes, ademais de incorporar criterios de accesibilidade, eficiencia enerxética e funcionalidade propios dunha infraestrutura deportiva moderna.

Comparte este artigo