Ascende a 26.804.967 euros, o maior da historia económica municipal, cun incremento do 28,66% respecto do exercicio anterior
O Concello do Porriño aprobou inicialmente este luns en pleno o Orzamento Xeral para o exercicio 2026. A cifra alcanza os 26.804.967 euros, o que supón o maior orzamento da historia económica do municipio cunha subida do 28,66% respecto ao ano anterior. Dende o goberno local subliñan que este documento certifica a recuperación da capacidade financeira do municipio despois de varios exercicios centrados na regularización e no saneamento das contas públicas tras a depuración das facturas irregulares deixadas polo anterior goberno municipal e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas.
Isto permitirá, explicou en pleno o voceiro municipal, Carlos Martínez, “poñer os recursos económicos ao servizo da veciñanza”. Faise, explica a súa vez o alcalde, Alejandro Lorenzo, “cunhas contas realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”, apuntando que estas contas son “un exercicio de responsabilidade e ambición”. Responsabilidade, porque parte dun Concello que conseguiu sanear as súas contas, reducir as obrigas pendentes e cancelar a súa débeda financeira. E ambición, porque agora esa recuperación permítenos investir máis, mellorar os servizos públicos e atender mellor as necesidades das persoas.
As liñas mestras son claras: garantir os servizos básicos, atender ás persoas e impulsar o investimento e a transformación do municipio.
Máis de 5 millóns de euros para investimentos reais
O capítulo de investimentos reais supera os 5 millóns de euros. A partida máis significativa, dotada con 3,9 millóns de euros, está destinada de forma íntegra ás obras de saneamento, consideradas unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento do Porriño. O resto dos fondos reservarase a actuacións en vías públicas, accesibilidade, equipamentos municipais, seguridade, polígonos industriais, instalacións deportivas e educativas, rehabilitación urbana e actuacións directas nas parroquias.
No eido social e dos servizos públicos, o orzamento contempla novidades destacadas como a partida de 40.000 euros para a posta en marcha de tarxetas de alimentos destinadas a familias en situación de vulnerabilidade, ademais doutros 65.000 euros reservados para a construción da futura residencia de maiores de Torneiros.
Tamén se mantén o apoio económico ao asociacionismo, ao deporte, á cultura e ás comunidades de augas. Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.
Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.
Servizos públicos fortalecidos sen subir impostos
Pero o investimento social non se queda aquí. A xestión dos servizos municipais e o gasto corrente en bens e servizos absorberá 13,05 millóns de euros, o capítulo de maior peso económico do orzamento. Esta contía permitirá custear e ampliar prestacións como o servizo de axuda no fogar, o mantemento de centros educativos e deportivos, ou o funcionamento das novas escolas infantís. Nesta partida vai tamén a limpeza viaria ou o subministro eléctrico.
Pola súa banda, o capítulo de persoal situarase en 6,52 millóns de euros, manténdose conxeladas as retribucións e dedicacións da Corporación municipal.
Sen subidas de impostos
Dende o goberno local remarcan que o incremento da capacidade de gasto faise “sen incrementos xeneralizados de impostos e taxas municipais”, mantendo unha fiscalidade competitiva na contorna. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. Neste senso destaca o importante labor para conseguir captar recursos doutras administracións, explicando que a capacidade económica da vila susténtase na mellora da xestión interna e no incremento das transferencias correntes doutras Administracións -Estado, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra-, que suman un total de 9,6 millóns de euros.

