O Porriño recibe a Bandeira Verde de Galicia polo seu compromiso coa sustentabilidade e o contorno natural

Redacción

O galardón recoñece as iniciativas de mobilidade, eficiencia enerxética e xestión de residuos do municipio, que concilia o seu peso industrial coa protección do contorno natural

O traballo desenvolvido polo Concello do Porriño para a mellora ambiental do municipio viuse premiado hoxe coa entrega do distintivo “Bandeira Verde de Galicia”, nun acto institucional celebrado na localidade de Vedra. Este galardón, promovido pola Xunta de Galicia dende o ano 2020, recoñece ás entidades locais máis dinámicas na protección da contorna, a mellora da paisaxe, a redución de emisións e do consumo enerxético, e o fomento da economía circular.
“Esta Bandeira Verde é un acicate para seguir traballando na mesma dirección”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que acudiu a Vedra a recoller este galardón das mans da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e apunta que o goberno local mantén un compromiso de mellora continua na protección do territorio cunha folla de ruta que continuará nos vindeiros anos. Foi a recoller esta distinción froito dun traballo multidisciplinar feito coa sinerxia de diferentes aconcellerías, acompañado polo concelleliro de Medio Ambiente, Carlos González e a concelleira de Urbanismo, Antía Carrera.

Coa obtención desta distinción O Porriño consolida un modelo de xestión que procura o equilibrio entre a súa condición de motor industrial do sur de Galicia e o respecto polo patrimonio natural e o medio ambiente. Como un dos principais núcleos económicos, empresariais e loxísticos da provincia de Pontevedra, e con máis de 20.900 habitantes segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, a localidade asumiu os últimos anos o reto de harmonizar o seu forte crecemento e dinamismo coa sustentabilidade ambiental.

A concesión do galardón responde ao traballo desenvolvido polo goberno local a través de instrumentos estratéxicos de planificación como a Axenda Urbana e Rural 2030, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible e o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Estas ferramentas permitiron integrar criterios de adaptación climática, conectividade ecolóxica e mobilidade limpa tanto no centro urbano como nas distintas parroquias rurais do municipio.

No eido da contorna e da calidade urbana, destacaron actuacións de humanización e integración paisaxística como a recuperación do antigo Campo da Feira, a potenciación do Paseo do Louro como corredor verde e a restauración do patrimonio etnográfico tradicional ou a restauración de elementos etnográficos tradicionais nas parroquias rurais.. Proxectos que cambiarán a contorna. A estas medidas súmanse os avances en eficiencia enerxética, reflectidos na renovación do alumeado público con tecnoloxía LED e na renovación da frota municipal con vehículos eléctricos e híbridos.

Así mesmo, valorouse a xestión responsable dos recursos naturais e residuos mediante a monitorización e dixitalización do ciclo integral da auga —desenvolvida a través do Consorcio de Augas do Louro—, xunto coa implantación de sistemas de recollida separada porta a porta e campañas de sensibilización orientadas ao consumo responsable.

Comparte este artigo