- Os populares lamentan o abandono da dirección do Concello por parte da rexedora e denuncian graves problemas pola privatización de servizos, a falta de limpeza, a suba de impostos, a inseguridade, o aumento da débeda e as eivas no parque móbil municipal
- O voceiro popular, Santi Dávila, revela que a alcaldesa “está máis preocupada en negociar con David Regades o seu futuro persoal para tentar colocarse cando perda a Alcaldía” que en facer o seu traballo e advirte que, fronte a iso, o PP presentará un programa alternativo
O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de acusar á alcaldesa, Dolores Castiñeira, de estar centrada exclusivamente en resolver o seu futuro político e persoal, cun posible cambio de partido de cara ás eleccións municipais de 2027, deixando de lado por completo a xestión do Concello e a atención aos veciños.
“Salceda está totalmente abandonada por parte da rexedora e vivimos o peor momento da nosa historia, con moitísimas cuestión básicas sen atender nin resolver, porque está máis preocupada en negociar con David Regades e co Partido Socialista o seu futuro persoal para tentar colocarse cando perda a Alcaldía que en facer o seu traballo”, advertiu o voceiro municipal, Santi Davila.
O líder popular enumerou a existencia de graves problemas comezando pola privatización de practicamente todos os servizos municipais, que agora son prestado por empresas externas e adxudicacións a dedo, xa que o persoal do Concello que se xubilou nos últimos vinte anos non foi reemprazado “ata converter a este goberno no máis privatizador da historia”.
Así mesmo, laiouse da falta de limpeza nas beirarrúas do casco urbano e nas cunetas e pistas municipais, a forte suba de impostos co ‘Catastrazo’ ou a taxa das piscinas, o aumento da débeda con 5 millóns de euros entre préstamos bancarios e facturas pendentes con provedores e o incremento da inseguridade polo desmantelamento da Policía Local, “pero a ela, como non vive no noso concello, isto non lle importa en absoluto”.
Ademais, tamén engadiu que o parque móbil municipal ten que repostar no Porriño, co conseguinte gasto en desprazamentos e xeración de contaminación, pola súa incapacidade para alcanzar un acordo coa estación de servizo do municipio e sumou a esta circunstancia a antigüidade dos vehículos do Concello, que son todos a combustión sen apostar pola sostenibilidade e que, ademais, pasan longos períodos no taller cando sufren avarías polos impagos con este establecemento.
Fronte a isto, Santi Davila anunciou que o PP xa ten listo o seu proxecto alternativo, ilusionante e con medidas concretas e que está centrado en resolver cuestións fundamentais que levan case dúas décadas paralizadas, como a creación de vivenda pública, a mellora das instalacións deportivas, a circunvalación da vila, a aprobación do Plan Xeral e a creación de solo industrial.

