O PP de Salceda alerta da intención do goberno local de subir o IBI e o lixo para arranxar a “insostibilidade” do Concello tras pedir 2,1 millóns para facturas pendentes

Redacción
  • Os populares anuncian o seu rexeitamento a este crédito estatal no pleno desta noite e avoga por arranxar a “gravísima situación” das contas con desenvolmento empresarial, licitación de servizos, medidas de contención e baixada dos soldos dos políticos e de publicidade
  • O voceiro municipal, Santi Davila, lembra que hai xusto tres anos solicitáronse 2,2 millóns tamén para afrontar impagos e advirte de que o Concello “está a piques de entrar en colapso financeiro”

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de alertar da intención do goberno local de Dolores Castiñeira de subir con forza o Imposto de Bens Inmobles (IBI) un 25%, a taxa de entrada na piscina municipal, a recaudación pola taxa de recollida do lixo nun 63%, o imposto de actividades económicas (IEA) nun 150% , entre outros, para tratar (supostamente)  de arranxar a “insostibilidade e inviabilidade” da economía do Concello despois de que o executivo pretenda aprobar, no pleno desta noite, a solicitude ao Estado de 2,1 millóns de euros para sufragar facturas pendentes.

Os populares indicaron que a adhesión ao Mecanismo de Pago a Provedores do Goberno de España supón, de facto, un crédito coas mesmas características que dun banco, posto que o Concello endebedarase en máis de 2,1 millóns de euros afrontando 459.000 euros de intereses e hipotecando a situación das arcas municipais durante 15 anos ata 2041.

Neste senso, o PP local, que revelou que a antedita suba de impostos aparece recollida no expediente como proposta do goberno de MS para afrontar este novo préstamo, anunciou o seu rexeitamento a este préstamo no pleno desta noite, “posto que non imos ser cómplices desta fuxida para adiante e de crear unha situación terrorífica no Concello para o futuro de Salceda”.

Así, os populares avogan por tentar corrixir a “gravísima situación” das contas e afrontar o pago aos provedores coa xeración de novos recursos que están de man do Concello, como os ingresos do desenvolvemento do polígono industrial do Cerquido; o aforro en moitos servizos a través da licitación dos mesmos para obter mellores prezos; ou as medidas de contención derivadas da redución dos soldos dos políticos con adicación e da partida de publicidade e propaganda.

Ademais, o voceiro municipal, Santi Davila, lamentou que “chova sobre mollado”, posto que hai xusto tres anos o goberno de Dolores Castiñeira xa pedíu 2,2 millóns de euros polo mesmo motivo e para afrontar impagos pendentes e calificou de inadmisible que, cada certo tempo, “haxa que empufar ao Concello, ben co Estado ben cos bancos, cercenando as moitas posibilidades que ten Salceda porque un préstamo pode pedirse para unha obra ou para mercar uns terreos, pero en ningún caso para afrontar a obriga mínima que supón o pago do gasto corrente.”.

“O Concello está a piques de entrar en colapso financeiro, somos un dos cinco ou seis municipios da provincia que se atopan en peor situación económica e a única alternativa que propón MS é subirlles os impostos aos veciños, que é algo no que nos atoparán enfronte  cando leven as ordenanzas a pleno porque non estamos de acordo en que as débedas xeradas exclusivamente pola súa nefasta xestión vaian a cargarse aos petos dos salcedenses”, apostillou Davila, antes de indicar que, en caso de saír adiante, o Concello tería comprometidos case 4,4 millóns en préstamos, que sumándolle os intereses, estamos a falar de 5,5 millóns de pagos a provedores dun orzamento de apenas 5,5 millóns.

Comparte este artigo