• Silvia Junco lamenta que, a pesar de producirse un accidente con cinco persoas feridas polo desprendemento do falso teito, o Goberno do BNG siga sen priorizar a reforma do edificio municipal
• Os populares esixen un calendario realista, público e verificable coas actuacións pendentes, os prazos de execución e unha data concreta de reapertura
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco visitou as obras do Teatro Principal e constatou que “os traballos non estarán terminados nin moito menos nos prazos que o Goberno local do BNG anunciara para despois do verán”.
“O que comprobamos é exactamente o que levamos anos denunciando: un alcalde que anuncia investimentos, pon datas e despois non cumpre practicamente nada. O Teatro Principal leva demasiado tempo pagando as consecuencias desta forma nefasta de xestión”, criticou Junco.
O PP leva alertando da deterioración do edificio desde novembro de 2023, cando a propia edil popular reclamaba unha actuación integral polo “pésimo estado de mantemento” das instalacións municipais. Posteriormente, en marzo e en setembro de 2025, os populares volveron denunciar as humidades, os problemas de accesibilidade, os aseos sen finalizar, as butacas deterioradas e a ausencia do ascensor comprometido anos atrás.
“Non poden dicir que ninguén lles avisou. Avisámoslles unha e outra vez de que había un problema grave de humidades, que os aseos estaban sen terminar, que non existía accesibilidade universal e que o edificio presentaba unha evidente deterioración. O Goberno de Lores decidiu mirar cara a outro lado ata que non tivo máis remedio por un accidente”, lembrou Junco.
Ese momento chegou o pasado 20 de marzo, cando parte do falso teito desprendeuse durante unha actuación e cinco persoas resultaron feridas. Tras o accidente, o BNG atribuíu inicialmente o desprendemento a un “vicio oculto”, aprobando unha actuación de emerxencia para substituír o falso teito, cun orzamento superior a 250.000 euros e un prazo previsto de seis meses.
“Despois de cinco persoas feridas, o mínimo que esperabamos era que o Goberno local actuase con rapidez e rigor. Pero volvemos atoparnos con máis atrasos e incerteza. Parece evidente que a obra se atrasará uns cantos meses”, lamentou a concelleira popular.
Doutra banda, Junco lembrou que o seu grupo municipal solicitou os informes técnicos relativos ao estado do edificio. “É especialmente preocupante que o Goberno municipal non sexa capaz de explicar con detalle as inspeccións realizadas durante os últimos anos”, asegurou.
Para o Partido Popular, o problema do Principal vai moito máis alá do falso teito. O ascensor, os baños, as humidades, as butacas, a accesibilidade e o mantemento son problemas que, a xuízo dos populares, fóronse acumulando durante anos. Junco lembra que as obras de rehabilitación iniciadas en 2022 quedaron sen terminar tras a quebra da empresa adxudicataria e que, a pesar de os novos compromisos e investimentos anunciados posteriormente, o mantemento seguiu descoidándose.
“Tiveron anos para resolver os problemas do Teatro e tiveron numerosas advertencias pola nosa banda. Lamentablemente acabaron con cinco persoas feridas e un edificio pechado”, explicou a concelleira do PP, que reclama ao Gobierno local que presente un calendario realista, público e verificable coas actuacións pendentes, os prazos de execución e unha data concreta de reapertura: “Queremos saber cando vai estar terminado, pero queremos unha data que o BNG poida cumprir, non outra promesa para saír do paso”, esixiu
“O Teatro Principal non pode funcionar a golpe de emerxencia nin de anuncios. Os pontevedreses merecen un edificio seguro, accesible e que recupere a súa identidade, como defendemos en Pleno a través dunha moción”, concluíu Silvia Junco.

