• O PP culpa ao goberno municipal do “balbordo que se montou no inicio do curso escolar para suplir as baixas dos bedeles que obrigou ao persoal docente a botar unha man e realizar tarefas que non lles competen”
• Otero reclama ao Concello de Pontevedra “poñerse as pilas co mantemento” tras comprobar as “numerosas deficiencias que afectan o desenvolvemento da actividade lectiva”
O Partido Popular de Pontevedra insta o goberno local a mellorar o plan de mantemento nos colexios, crear unha lista para cubrir de forma inmediata as baixas do persoal de conserxería e reclamar unha mellora da comunicación do Concello cos centros educativos.
A responsable da área de Educación do PP local, Aroa Otero, defenderá unha proposición, no pleno ordinario de outubro, tras manter diferentes reunións cos centros educativos e comprobar as “numerosas deficiencias que afectan o desenvolvemento da actividade lectiva neste inicio do curso escolar” nos colexios, cuxo mantemento depende exclusivamente do Concello.
A edil popular reclamará unha solución #ante a falta de tarefas de limpeza e conservación do Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, “onde comezan o curso cun patio encharcado e cheo de follas pola falta de poda, sumidoiros obstruidas pola maleza, randeeiras negras pola resina das árbores e cataratas de auga constantes pola falta de desaugadoiro dos canlóns”.
O Centro de Educación Infantil e Primaria Álvarez Limeses é outro dos centros educativos con problemas de mantemento. “O centro ten máis de 60 anos e o mantemento e limpeza das súas instalacións é mellorable. Fai uns cursos, tiveron que asumir os gastos de cambiar un chan por outro cando sufriron un episodio de inundacións por augas fecais e, a día de hoxe, hai un canlón debaixo do tellado que está a piques de caer, sendo un risco para os 400 alumnos do colexio”, denunciou Otero.
“Outro dos déficits que comparten no EEI Concepción Crespo Rivas e CEIP Álvarez Limeses co EEI Fina Casalderrey foi o balbordo que se montou neste inicio do curso escolar para suplir as baixas do persoal de conserxería pola falta de información e solucións do Concello. Desde o PP agradecemos o labor encomiable dos directores e o persoal docente para botar unha man co mantemento dos centros, realizando tarefas que non lles competen, pero botamos en falta unha actuación coordinada por parte da concellería de Educación”, lamentou.
Ademais, o goberno municipal non informou ás escolas de educación infantil dos cambios do persoal de mantemento entre os centros educativos, o que xerou incerteza e malestar.
Por todo iso, e tamén #ante a necesidade de aumentar o persoal de limpeza dos centros educativos, o PP buscará con esta moción alcanzar o acordo unánime da corporación municipal para reclamar ao Concello que “se poña as pilas” nas súas competencias en materia de mantemento cos centros educativos.

