Asociación Ghorghalado e Concello presentan este sábado 20 un programa con proxeccións en toda a comarca
A partir das 22.00 h na Praza do Seixo coñeceranse datas e premios e proxectaranse algunhas das curtas gañadoras da edición anterior. A presentación rematará cun videomapping
Verán de cine no Rosal. A Asociación Ghorghalado e o Concello presentarán a sexta edición da Mostra de Cinema do Rosal, un dos eventos culturais de referencia do Baixo Miño que cada ano leva o mellor das curtametraxes internacionais a escenarios ao aire libre de toda a comarca. No acto, que comezará o sábado 20 de xuño ás 22.00 horas na Praza do Calvario, daranse a coñecer datas e premios, ademais de proxectarse algunhas das curtas gañadoras do ano pasado para rematar cun vídeo mapping sobre a fachada do Concello.
Durante a presentación tamén se desvelará o cartel desta edición, que mantén a imaxe corporativa consolidada da Mostra, e presentarase o trofeo deseñado polos propios membros da Asociación Ghorghalado, organizadora da Mostra, e elaborado polo escultor portugués J.M. Teixeira, de Arcozelo, en Ponte de Lima, terra de canteiros. Tamén se proxectará un vídeo clip de promoción que, en pouco máis de dous minutos, percorre o valor natural, patrimonial e gastronómico da comarca: un lugar feito para o cinema.
A edición deste ano chega avalada polo éxito colleitado o ano pasado. Na V Mostra presentáronse 1.132 curtametraxes procedentes de países de toda Europa, Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Taiwán, India ou Sudáfrica. Precisamente coincidindo coa presentación deste nova edición, pecharase o prazo de envío de curtametraxes, que ata o momento conta cun número de inscricións similar ao da anterior e mantén a diversidade internacional de procedencias.
Un verán de cinema por toda a comarca
As proxeccións estenderanse ao longo dos meses de xullo e agosto polo Baixo Miño (Goián, Camposancos e lugares do Rosal como San Miguel, Fornelos, Novás e Marzán). En xullo proxectaranse as curtas da selección oficial; en agosto, as gañadoras e finalistas, coa intención de achegar este tipo de cinema á maior cantidade de público posible.
A fase de concurso concentrarase na Praza do Maio de Tabagón do 5 ao 8 de agosto, nunhas xornadas que comezarán e pecharán con música en directo. A entrega de premios celebrarase o domingo 9 de agosto nos xardíns do Concello do Rosal.
Os galardóns desta edición recoñecerán a mellor curta segundo o xurado, a mellor curta segundo o público, o mellor guión, a mellor interpretación, a mellor fotografía, e as mellores temáticas social e rural.
Coincidindo coa Mostra, o salón de exposicións do Concello acollerá unha exposición con amplo contido multimedia sobre as orixes do cinema galego. A organización avanza ademais que haberá máis novidades que se darán a coñecer nas semanas previas ao evento.

