O Rosal acolle unha formación gratuíta de comercio, reposición e almacenaxe

Redacción

O Concello en colaboración coa Fundación Érguete-Integración abre a inscrición para esta formación que se desenvolverá do 6 de outubro ao 30 de novembro

Incluirá prácticas en empresa e módulos de manipulación de alimentos e manexo de carretilla elevadora

Co obxectivo de abrir novas oportunidades laborais na comarca, o Concello do Rosal acollerá do 6 de outubro ao 30 de novembro un curso gratuíto de “Comercio, reposición e operacións básicas de almacenaxe”, unha iniciativa orientada a capacitar ás persoas participantes nun dos sectores con maior demanda de emprego na comarca.

A proposta enmárcase no programa Emprego Inclusivo, que a  Fundación Érguete-Integración desenvolve en diferentes municipios da provincia co apoio da Deputación de Pontevedra e os propios concellos. A través desta alianza búscase reforzar a empregabilidade das veciñas e veciños con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, ofrecéndolles un acompañamento integral e un itinerario formativo adaptado ás súas necesidades, e favorecendo a súa autonomía e estabilidade laboral a longo prazo.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que “a formación é unha ferramenta fundamental para abrir portas ao mercado laboral e queremos que a veciñanza teña acceso no propio Rosal a oportunidades que lle permitan adquirir novas competencias e mellorar as súas posibilidades de atopar un emprego”. Neste sentido, a rexedora destaca especialmente “o carácter práctico dunha proposta deseñada pensando nas necesidades reais do mercado de traballo e que permite, ademais, ter contacto directo coas empresas a través das prácticas”.

Pola súa banda, como sinala a responsable do programa na Fundación Érguete-Integración, “o proxecto non se limita a unha formación tradicional: combina distintos recursos formativos, orientación laboral e acompañamento humano para reducir as barreiras que dificultan o acceso ao traballo. Esta actividade tamén ofrece, como elemento diferenciador respecto de outras, a implicación do tecido empresarial nas actividades formativas, tanto acollendo a persoas en prácticas como na inserción laboral, no caso de darse a posibilidade”.

Unha formación completa adaptada ao mercado laboral

A acción formativa, que se desenvolverá en horario de mañá (de 09.00 a 14.00) nas instalacións do Obradoiro de Emprego A Mata, destaca polo seu enfoque eminentemente práctico. Ao longo das 190 horas do curso, o alumnado non só adquirirá coñecementos sobre atención á clientela, reposición e loxística comercial, senón que tamén se capacitará para a obtención dos módulos de manexo de carretilla elevadora e manipulación de alimentos, dúas formacións practicamente indispensables para traballar no sector.

A aprendizaxe completarase con sesións sobre emprendemento, competencias transversais, igualdade de oportunidades e busca activa de emprego, ademais de 80 horas de prácticas non laborais en empresas que permitirán ás persoas participantes aplicar o aprendido nun contexto profesional real e establecer un contacto directo co tecido empresarial da zona, aumentando as súas opcións de contratación.

As persoas interesadas en participar poden solicitar información e preinscribirse  contactando co equipo da Fundación Érguete-Integración a través do teléfono 986 253 176 ou no correo electrónico incorpora@fundacionerguete.org.

Comparte este artigo