A cita regresa o 12 de outubro a partir das 11.00 h ao abeiro das Festas do Outono do Pilar
Contará con exposición, degustación e venda de produtos, polbeiro, xamoneiro e sesión vermú para gozar dunha xornada de encontro arredor do produto de proximidade
Sabores propios, produto de proximidade e unha praza na que atoparse e compartir. O Rosal celebrará o vindeiro 12 de outubro a V Feira de Produtos, unha cita que chega á súa quinta edición consolidada como escaparate para amosar a calidade e diversidade da produción local e como punto de encontro entre produtoras e produtores e a veciñanza.
Ao abeiro das Festas do Outono do Pilar, a feira abrirá as súas portas a partir das 11.00 horas cunha xornada de exposición, degustación e venda na que o público poderá achegarse directamente aos produtos e ás persoas que están detrás deles. Unha oportunidade para coñecer, probar e mercar produto local ao tempo que se apoia o pequeno comercio e a economía de proximidade.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta que “chegar á quinta edición demostra que a Feira de Produtos é xa unha cita agardada no noso calendario. É un espazo para visibilizar e poñer en valor o traballo das nosas produtoras e produtores e favorecer que a veciñanza coñeza e consuma aquilo que se fai aquí, preto da casa”.
A programación irá máis alá dos postos. A V Feira de Produtos contará tamén con polbeiro e xamoneiro, ademais dunha sesión vermú que porá música a unha xornada pensada para que todos os públicos poidan achegarse e gozar do ambiente festivo. Neste sentido, o concelleiro de Comercio, Alejandro González, destaca que “queremos que a feira siga sendo un escaparate comercial, pero tamén unha experiencia. Que a xente veña, coñeza os produtos, fale directamente con quen os elabora, os probe e quede a desfrutar do ambiente. Esa combinación de promoción económica, gastronomía e lecer é precisamente unha das claves do éxito da cita”.
A Feira de Produtos busca así favorecer o contacto directo entre a veciñanza e o tecido produtor local, contribuíndo a fomentar un consumo máis responsable e de proximidade e a xerar novas oportunidades de promoción e colaboración.

