Os areais de Baiona finalizaron este 19 de setembro o servizo de socorrismo e vixilancia, unha vez concluído o contrato mancomunado que permitiu prestar este servizo durante os meses de verán en todos os areais da Vila.
Coa finalización do servizo procederase tamén á retirada das correspondentes bandeiras azuis dos areais, ao concluír o período establecido para a prestación dos servizos asociados á tempada estival.
Durante aproximadamente tres meses, os equipos de socorrismo desenvolveron labores de prevención, vixilancia e control nos distintos areais do municipio, contribuíndo a garantir a seguridade de bañistas, visitantes e usuarios das praias durante os meses de maior afluencia.
A tempada desenvolveuse sen ningunha incidencia de gravidade. As actuacións realizadas estiveron relacionadas principalmente con picaduras e asistencias de carácter preventivo.
Desde o Concello de Baiona ponse en valor o traballo desenvolvido polo persoal de socorrismo ao longo de todo o verán e destácase a importancia dos labores de prevención e vixilancia realizadas durante a tempada, así como a boa resposta da cidadanía ante as recomendacións de seguridade.
O Concello reafirma así mesmo o seu compromiso co mantemento deste servizo durante cada tempada de verán, ao consideralo un elemento fundamental para a prevención, o control e a seguridade dos areais do municipio, especialmente durante os períodos de maior afluencia.
O Concello de Baiona agradece o labor desempeñado por todos os profesionais encargados do servizo, así como a colaboración e responsabilidade mostradas por veciños e visitantes durante toda a tempada estival.

