Coincidindo co Mes do Orgullo, o activista Eric Dopazo protagoniza un encontro para falar de identidade e vivencia
O xoves 18 ás 17.30 h no Jota Jota con entrada de balde
Conmemoramos o Mes do Orgullo con palabras e con escoita. Os Cafés en Igualdade pechan o curso, cun encontro para falar de ‘Identidade e vivencia’ da man do activista trans Eric Dopazo, que achegará ao público á realidade do colectivo trans na actualidade nunha charla aberta e participativa. A cita será este xoves 18 de xuño ás 17.30 horas no Jota Jota nun encontro de balde aberto a todos os públicos.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o significado da sesión de peche dos Cafés en Igualdade, “que demostraron ser un punto de encontro real para a veciñanza, un lugar onde se fala de cousas que importan con honestidade e sen prexuízos. Rematar o curso falando de identidade trans, no Mes do Orgullo, é unha declaración de intencións de quen somos como municipio”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, puxo en valor o formato da iniciativa e contar coa participación de Eric Dopazo, xa que “é dar a palabra a quen vive na propia pel o que debatemos. Estes encontros son conversas moi necesarias, polo que volveremos en outono con ganas renovadas”.
Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.

