Os concellos de Salvaterra de Miño, Arbo e Crecente asinan unha nova addenda ao convenio do servizo de atención temperá

Redacción

A Consellería de Política Social e Igualdade ven de convocar á Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para prestación de servizos no marco da Rede Galega de atención temperá nos anos 2026 a 2028, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Os Concellos de Salvaterra de Miño, Arbo e Crecente, coa finalidade de manter en funcionamento do SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ no marco da Rede galega de atención temperá, ven de solicitar esta subvención para manter de forma compartida a prestación deste servizo coa sinatura dunha Addenda ao convenio de colaboración entre os tres concellos, ata outubro de 2028.

O Concello de Salvaterra de Miño continúa actuando como representante dos tres concellos para realizar todas as xestións que resulten necesarias para a solicitude, execución e xustificación das actuacións previstas.

O Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, é o marco de referencia neste paradigma que implica a obriga de facilitarlles ós nenos e ás nenas de 0 a 6 anos e ás súas familias esta actuación transversal tan transcendente para o seu progreso dun xeito continuado, flexible e contextualizado, a través dun marco normativo que posibilite a intervención múltiple dirixida a todos eles e á comunidade, e tendo presente o deber de cooperar e a responsabilidade de colaborar, para que cada sistema de protección achegue os medios e recursos dos cales dispón e evitar a duplicidade.

Neste Decreto recoñécese o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, como o idóneo para o desenvolvemento destes servizos, o que permite desenvolver de xeito conxunto unha acción integral destinada a satisfacer os dereitos e necesidades dos nenos e nenas con
trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos e das súas familias, así como a
súa prevención.

Nesta ocasión vanse solicitar 4 técnicos para o desenvolvemento do servicio que inclúe as especialidades de fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía, cun custo total de 347.934,10€ e abrangue o período entre o 1 de novembro de 2026 e o 31 de outubro de 2028.

Comparte este artigo