Os deseños e a creatividade sobre rodas serán protagonistas este sábado na Guarda coa IX Baixada de Carrilanas

Redacción
  • O acto dará o pistoletazo de saída á programación da Festa das Mercedes
  • A rúa Concepción Arenal volverá converterse no escenario desta tradicional cita, que reunirá participantes e público nunha tarde marcada polo enxeño

A Festa das Mercedes volverá encher de velocidade, creatividade e diversión as rúas da Guarda coa celebración da IX Baixada de Carrilanas, que terá lugar este sábado 29 de agosto a partir das 18:00 horas.

A actividade está organizada pola Asociación de Veciños O Percamino, coa colaboración do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra, e volverá converter a baixada da rúa Concepción Arenal nun dos grandes atractivos das Festas das Mercedes da Gándara.

O percorrido terá a súa saída na Praza Avelino Vicente e continuará pola rúa Concepción Arenal ata chegar á rúa O Porto, onde estará situada a meta. Durante a tarde, o público poderá desfrutar dunha particular carreira na que o enxeño e a orixinalidade das carrilanas serán, unha vez máis, protagonistas.

Nesta IX edición establécense diferentes categorías e recoñecementos. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados da categoría dobre e da categoría individual, así como un premio á carrilana máis divertida e orixinal. Ademais, todas as persoas participantes recibirán unha medalla como recordo da súa participación.

Para poder participar, as carrilanas deberán cumprir unha serie de requisitos obrigatorios: contar con catro rodas, ser para unha ou dúas persoas, dispoñer dun freo practicable e levar casco. Así mesmo, establécense unhas dimensións máximas de 160 centímetros de ancho e 240 centímetros de longo.

As persoas interesadas en participar ou en obter máis información poden contactar coa organización nos teléfonos 661 281 254, 649 887 379 e 647 607 456.

Comparte este artigo